Isaac Lourido Hermida gaña o XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais cun estudo sobre José Rubia Barcia

O xurado acordou por unanimidade recoñecer a obra pola súa profundidade analítica e concedeu ademais unha mención especial a un traballo sobre o contrabando no Miño
xurado-fvr-premio-ciencias-sociais
22 Jun 2026

O xurado do XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais reuniuse hoxe na sede da Fundación Vicente Risco, en Allariz, para deliberar sobre os traballos presentados nesta edición do certame, que segundo destacou contou cun elevado nivel de calidade e con propostas que cumprían os requisitos establecidos nas bases.

Tras a avaliación das obras presentadas, o xurado decidiu por unanimidade conceder o premio ao traballo presentado baixo o lema Sobreviver na palabra escrita. A traxectoria intelectual de José Rubia Barcia, que unha vez aberta a correspondente plica resultou ser obra de Isaac Lourido Hermida.

Na súa valoración, o xurado destacou a rigorosidade e a profundidade analítica do estudo, centrado no contexto histórico de José Rubia Barcia e da intelectualidade progresista durante a Segunda República e o exilio. Ademais, puxo en valor a estrutura da obra, o coidado lingüístico e as achegas documentais incorporadas a través dunha investigación detallada baseada en fontes pouco accesibles, así como a adecuación formal ás características propias do ensaio.

O xurado acordou tamén conceder unha mención especial ao traballo presentado co lema Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando no Miño, que tras a apertura da plica foi identificado como unha obra de Natalia Jorge Pereira.

Neste caso, a distinción responde ao interese da investigación para a posta en valor da memoria oral, do patrimonio transfronteirizo e do traballo de campo desenvolvido.

O xurado estivo integrado por Teresa Devesa Graña, en representación do Concello de Allariz; Antón Palacio Sánchez, pola Universidade de Vigo; Felisa Rodríguez Prado, pola Universidade de Santiago de Compostela; e Isabel Mociño González, en representación do Padroado da Fundación Vicente Risco e exercendo ademais como secretaria.

Tamén formaban parte do xurado Joaquim Vázquez Rodríguez, representante do Concello de Melide; César Fernández Gil, pola Deputación de Ourense; e Manoel Carrete Rivera, polo Concello de Castro Caldelas, que non puideron asistir por motivos persoais pero remitiron as súas valoracións dos traballos presentados.

0.2711980342865