JADE4, a banda galega que converte a nostalxia e as experiencias persoais en cancións: 'As nosas letras son sempre persoais'

Falamos co trío formado por Nuria, Lucía e Uzal sobre as súas raíces galegas, a evolución musical da banda, a escena independente e o lanzamento de 'Cicatrices', o vindeiro 27 de novembro
Jade4
Imaxes de Sergio Albert
7 Nov 2026
Por Noelia Uceira

As cancións de JADE4 nacen de experiencias propias, reflexións íntimas e emocións que non sempre resulta fácil expresar en voz alta. Pero a música deste trío galego non se queda só nas letras: o seu son móvese entre o noise pop, o punk e o shoegaze, con guitarras fortes, distorsións e atmosferas envolventes que conviven con melodías e harmonías máis doces. Unha combinación na que os temas acelerados e contundentes poden dar paso a cancións máis pausadas e introspectivas. Formado por Nuria, Lucía e Uzal, o grupo prepara agora o lanzamento do seu primeiro álbum, 'Cicatrices', que chegará o próximo 27 de novembro e no que busca afondar nesa identidade musical sen renunciar á experimentación.

A historia da banda comezou tocando versións dos grupos que escoitaban, aínda que a idea de compoñer cancións propias estivo presente desde o principio. 'Quizais un pouco polas ganas de facer o mesmo que aquelas bandas que admiras pero dende as túas propias experiencias', explican. Co tempo, a incorporación de Uzal e o paso de Lucía a tocar o baixo permitiron completar a formación como un power trio e comezar a construír cancións a partir das ideas individuais.

O proceso creativo parte ás veces dunha letra, dunha melodía ou dun riff, pero o resultado final é froito da achega de todas. 'Ver esa transformación dende o que imaxinas nun principio ao que remata resultando coa creación e combinación das tres é algo moi especial', destacan.

Unha especie de diario persoal feito cancións

As experiencias propias son o punto de partida das letras de JADE4. A banda recoñece que non sabe escribir sobre aquilo que non lle pertence e que a música funciona como unha vía para expresar pensamentos e sensacións que non sempre atopan espazo nas conversas cotiás. 'A verdade é que adoitamos escribir sobre experiencias persoais un pouco intimistas, máis sobre o tipo de reflexións que non comentas á lixeira', explican. Para elas, compoñer é 'un pouco a forma de sacar aquilo que non ten lugar en conversas do día a día... coma un diario persoal'.

Non buscan necesariamente que quen escoite as cancións se identifique con elas nin escriben pensando en provocar unha reacción concreta. Con todo, consideran que aquilo que lles afecta tamén pode formar parte das vivencias doutras persoas. 'Iso é o bonito, ver como algo teu conecta con persoas que nin sequera coñeces', sinalan. E engaden que, como oíntes, descubrir unha canción que expresa exactamente o que estás sentindo, mesmo cando non sabes como describilo, 'é algo máxico'.

Esa honestidade tamén está presente na maneira de abordar as emocións máis difíciles. 'No momento de compoñer falamos coa honestidade, e se algo resulta difícil de expresar recorremos a recursos coma as metáforas ou a ironía como forma de enmascaralo, pero sen perder o que se quere expresar', explican. A súa intención é que o núcleo emocional dunha canción poida conectar con situacións diferentes, mesmo entre persoas que non viviron exactamente o mesmo.

Galicia, o lugar ao que sempre volver

Nuria e Lucía son de Lugo e Uzal é de Ordes. Aínda que agora viven en Madrid e teñen ganas de descubrir novos lugares, as súas cidades de orixe continúan a ser o fogar ao que saben que quererán regresar.

'Agora estamos na idade de querer perdernos fóra de casa e vivir novas experiencias, pero sempre que volvemos valoramos o triple estar na casa', contan. Volver significa reencontrarse coas familias, coas amizades de toda a vida e cos espazos que forman parte da súa historia. 'Quizais agora mesmo apetécenos andar máis polo mundo adiante, pero temos moi claro a onde quereremos volver sempre'.

A mudanza a Madrid coincidiu co final da etapa universitaria en Santiago e tamén deixou pegada nas súas composicións. A gran cidade aparece nos últimos temas como un escenario abrumador, asociado a emocións intensas e, ás veces, á sensación de vivir nun lugar no que non existen raíces propias.

Fronte a iso, Galicia representa para elas un espazo de desconexión e reconexión persoal. 'Galicia para nós é o respiro que nos fai ser conscientes de que a realidade pode ser moi distinta á existente nunha cidade onde non tes raíces e que ás veces pode resultar impersoal', explican. Volver significa recuperar o contacto coa súa xente e coa súa casa, pero tamén atopar reflexións que alimentan a inspiración musical.

Esa nostalxia está moi presente en 'Dejo estas calles', un sinxelo que parte dos recordos da etapa universitaria en Santiago. A canción nace da sensación de botar de menos aqueles anos e, ao mesmo tempo, saber que volver vivir alí non permitiría recuperar o que xa pasou. 'Agora volver alí é un acontecemento especial que antes era algo cotiá', resumen.

Da experimentación do primeiro EP ao son de 'Cicatrices'

En 2025 publicaron 'Necesito cuatro minutos', un primeiro EP que lles serviu para probar diferentes camiños e comezar a recoñecer aqueles sons cos que se sentían máis identificadas. Segundo explican, as cancións eran o resultado de levar ao estudo os temas que xa tocaban nos directos, sen que necesariamente existise unha conexión entre elas.

'Cada un era un experimento dunha faceta que nos interesaba e saían naturalmente sen moito máis detrás que ganas de probar cousas', lembran. Aquel traballo permitiulles descubrir que lles gustaba especialmente o contraste entre os temas máis rápidos e ruidosos e outros máis íntimos. Unha combinación que continúa presente no novo álbum.

A diferenza é que agora afrontan a composición cunha maior conciencia do que queren transmitir. 'Durante a composición do álbum tiñamos máis sobre a mesa aquilo que nos representaba e o que non, ademais dunha maior consciencia de decisións á hora de escribir', explican.

En 'Cicatrices' volverán convivir os berros máis agresivos coas harmonías máis doces. O disco percorre diferentes rexistros: desde cancións próximas ao noise pop, nas que o ruído e as distorsións forman parte do propio son, ata temas máis experimentais e unha vertente punk máis escura, con referencias como Parálisis Permanente e Margaritas Podridas. Tamén aparecen instrumentais máis complexas e diferentes entre si. O resultado busca manter ese xogo de contrastes que xa estaba presente no primeiro EP, pero cunha maior cohesión e unha identidade máis definida.

O álbum conta coa produción de Carlos Hernández, unha colaboración que viviron como un soño cumprido. 'O primeiro día que fomos ao estudo iamos moi nerviosas porque claro, era gravar con Carlos Hernández, e nós non confiabamos tanto en ter unha personalidade como grupo todavía', recoñecen. A tranquilidade chegou cando o produtor lles trasladou que si tiñan unha identidade propia e que quería desenvolvela sen que perdesen a súa esencia.

A afinidade de JADE4 polo ruído e o shoegaze, un estilo que xoga coas capas de son, as distorsións e as atmosferas envolventes, fixo que o encontro encaixase especialmente ben. 'Carlos foi o match perfecto! Non vimos unha cadea con tantos pedais na nosa vida', lembran. No resultado final, destacan a presenza de ruído e distorsións, pero tamén de 'reverbs brillantes e celestiais'.

En 'Dejo estas calles' tamén se pode escoitar como xogan coa relación entre letra e instrumentación. A nostalxia do texto convive cunha música intensa e acelerada, unha combinación que non é casual. 'A decisión de que unha letra nostálxica como a de Dejo estas calles estea construída sobre ritmos atropelados reforza a idea de que ese sentimento é algo aturullado do que non podes escapar', explican.

Entre os nomes que aparecen habitualmente nas súas conversas musicais están Triángulo de Amor Bizarro, Geese, Elliott Smith, Los Planetas, The Smiths e Christina Rosenvinge. Unha mestura de referencias que axuda a entender a variedade de influencias que conviven na proposta do trío.

Máis mulleres nos carteis e máis diversidade na música

A presenza feminina nos escenarios continúa a ser unha cuestión pendente para JADE4. Aínda que perciben unha maior conciencia sobre a desigualdade, consideran que os carteis dos grandes festivais seguen amosando unha representación limitada das bandas con presenza feminina.

'Ás veces segue dando pena ver carteis de festivais enormes con tres ou catro nomes de grupos con presenza feminina fronte ás decenas que conforman o total', apuntan. Para elas, non debería ser tan complicado prestar atención a máis propostas musicais interesantes. Ademais, consideran que o problema non se limita a conseguir acceso aos escenarios: tamén pasa por lograr que as tomen en serio e por evitar comentarios paternalistas sobre o que deberían ou non deberían facer como músicas.

As experiencias queer e a diversidade tamén forman parte das súas cancións, aínda que non responden a unha intención de introducir deliberadamente esas cuestións. 'Ao falar de experiencias propias, da identidade ou das relacións, aparece por ser parte do que somos', explican. Defenden que a representación de todas as identidades na música e no resto das disciplinas artísticas é necesaria porque a arte, como expresión humana, debe reflectir esa diversidade.

Con 'Cicatrices' abrirán unha nova etapa na que esperan presentar un universo musical máis consolidado e representativo da banda. O lanzamento será o 27 de novembro e entre as súas próximas citas figura a súa participación no Esmorga Fest de Sarria en febreiro de 2027.

Non teñen expectativas pechadas sobre a recepción do disco, pero si unha ilusión clara por compartir o resultado. 'Sobre todo esperamos que as cancións resoen coa xente e se transmita a autenticidade que hai detrás', sinalan.

Para quen aínda non coñeza JADE4, a súa recomendación é 'Dejo estas calles', o segundo sinxelo do álbum. Unha canción que consideran unha boa carta de presentación porque reúne 'a nosa cara divertida-sentimental con ese toque de ruído que nos representa'.

0.69588613510132