Jorge Mira se incorpora á Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega xunto a Doilores Vilavedra

Tamén o fai Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña, que substitúe a Rosa Crujeiras, anterior representante da Universidade de Santiago de Compostela
comision-executiva-consello-da-cultura-galega
9 Jul 2026

O Pleno do Consello da Cultura Galega (CCG) elixiu na tarde deste mércores a Comisión Executiva que acompañará a Dolores Vilavedra durante o seu mandato. Alejo Amoedo continuará como vicepresidente primeiro e Paula Cabaleiro como secretaria, mentres que Jorge Mira, membro do Plenario desde 2024, se incorpora como vicepresidente segundo. Na sesión plenaria tamén se aprobou o nomeamento das coordinacións das seccións que permanecían vacantes e informouse dos cambios nas comisións técnicas da institución.

Na orde do día figuraba tamén a elección das novas coordinacións da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, tras a baixa de Elena Vázquez Cendón ao cumprir o período máximo de permanencia na institución, e da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, que coordinaba Dolores Vilavedra antes da súa elección como presidenta. Jorge Mira e Ramón Nicolás asumirán, respectivamente, a coordinación destas seccións.

Na sesión tamén se informou da incorporación de novos membros representativos. Entra Elisa Fernández Rei en representación do Instituto da Lingua Galega. Carmen García Mateo pasa a formar parte do Plenario tras o seu nomeamento como reitora da Universidade de Vigo o pasado mes de xuño. Incorpórase tamén Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña, que substitúe a Rosa Crujeiras, anterior representante da Universidade de Santiago de Compostela. A Lei de creación do Consello da Cultura Galega establece dous postos para as universidades galegas, cuxa representación se determina mediante un sistema rotatorio acordado polo Consello Galego de Universidades.

Finalmente, informouse dos cambios aprobados nas comisións técnicas como consecuencia das recentes baixas no Plenario. Marilar Aleixandre asumirá a dirección do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), en substitución de Carme Adán; Dolores Vilavedra pasará a dirixir o Arquivo da Emigración Galega (AEG), relevando a Xosé Manoel Núñez Seixas; e Ramón Nicolás será o novo responsable do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), posto que antes ocupaba Rosario Álvarez.

0.2769730091095