José Mouriño presenta o seu libro no Ateneo de Monforte

O Ateneo Casino de Monforte acolle este venres día 21, ás 20.00 horas, o acto de presentación do libro Ribeira Sacra. Origen y evolución de la Denominación de Calidad, de José Mouriño Cuba, que documenta a recuperación e transformación da actividade vinícola desde os anos 80 ata a creación da D.O. Ribeira Sacra.
O libro foi publicado por Belagua Ediciones, coa colaboración da Caixa Rural Galega e dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel, Miño-Ulla, Comarca de Ourense e Sil-Bibei-Navea.
Xunto ao autor, participarán no acto de presentación a concelleira de Cultura do Concello de Monforte de Lemos, Marina Doutón; o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela; e a directora de Belagua, Edurne Baines.
José Mouriño Cuba exerceu ata a súa xubilación como xefe do Servizo de Control de Calidade e Industrias en Lugo. O autor conta como foi a recuperación do viñedo na Ribeira Sacra en primeira persoa, xa que foi responsable do equipo técnico que liderou o proceso que culminou na creación da Denominación de Orixe nos anos 90.
Mouriño realiza en Ribeira Sacra. Origen y evolución de la Denominación de Calidad unha radiografía do contexto social, económico, político e administrativo do territorio que hoxe integra a Ribeira Sacra, para dar testemuña das dificultades que houbo que sortear e das accións encamiñadas a ilusionar e obter a confianza de viticultores e adegueiros para apostar por unha produción autóctona, diferenciada e de calidade.
A entrada ao acto é libre, previa reserva no teléfono 648 435 033 (por WhatsApp preferentemente).
Sobre o autor
Fillo de labradores con profundas raíces na Terra Chá, José Mouriño Cuba (Lousada Xermade, Lugo, 1948) é Enxeñeiro Técnico Agrícola e Licenciado en Ciencias Biolóxicas na Universidade de Santiago de Compostela.
Enfocou a súa actividade no mundo da industrialización, comercialización e calidade agroalimentaria, ocupando diversos postos na Administración autonómica de Galicia, ata a súa xubilación como xefe do Servizo de Control de Calidade e Industrias en Lugo. Desenvolveu un importante labor no eido da promoción industrial, nas denominacións de calidade e na recuperación de produtos agroalimentarios (aceite, sidra, embutidos, queixos, viños, etc.), entre a que destacan os proxectos da D.O. Ribeira Sacra e da D.O.P. Queixo de San Simón da Costa.