Julio Medem participará nun Festival de Cans que proxectará máis de cen obras e acollerá trinta estreas

O certame presentou este xoves no Torreiro de Cans, no Porriño, as principais novidades desta edición
Presentacion-Festival-de-Cans-2026
7 May 2026

O Festival de Cans celebrará entre os días 19 e 23 de maio a súa vixésimo terceira edición cunha programación que incluirá máis de cen obras audiovisuais, trinta estreas e a presenza de destacados nomes do cinema estatal e internacional. O certame presentou este xoves no Torreiro de Cans, no Porriño, as principais novidades dunha edición que volverá apostar pola identidade propia, a implicación veciñal e a conexión entre creación e industria audiovisual.

Durante a presentación, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, definiu o festival como “un evento único” pola súa dimensión comunitaria e polo seu peso cultural, mentres que o director do certame, Alfonso Pato, reivindicou o carácter singular de Cans como un proxecto “enraizado na comunidade local” e afastado dos modelos convencionais.

A programación desta edición abordará cuestións presentes na sociedade contemporánea como o despoboamento, o medio ambiente ou as narrativas LGTBIQ+, a través de diferentes formatos e xéneros. O festival contará con 35 curtametraxes en competición nas seccións oficiais e outras vinte pezas na sección de videoclips, ademais de varias seccións paralelas.

Entre as actividades máis destacadas figura o avance da serie documental El balance de los daños, centrada na despedida do grupo Siniestro Total, coa presenza do director Mikel Clemente e do músico Julián Hernández.

Un dos grandes protagonistas desta edición será o cineasta Julio Medem, referente do cinema español contemporáneo e autor de filmes como Vacas, La ardilla roja ou Lucía y el sexo. O director participará no coloquio central do Torreiro, recibirá a súa estrela no festival e presentará o día 19 a súa última película, 8.

A inauguración oficial terá lugar o xoves 21 no Círculo Recreativo coa proxección de La buena hija, coa asistencia da directora Júlia de Paz, dos actores Janet Novás e Julián Villagrán, así como do produtor Sergio Grobas.

O festival manterá espazos emblemáticos como o Torreiro ou o Jalpón de Aurora e incorporará este ano o chamado Día das Novísimas, unha xornada dedicada a cineastas menores de 25 anos que se celebrará o 20 de maio. A programación dese día concluirá coa Noite dos Veciños e coa estrea da curta Non me movas os marcos, na que participan máis de corenta persoas da aldea.

Cans renderá tamén homenaxe ao actor Celso Bugallo cunha Rúa Efémera e unha retrospectiva de curtametraxes nas que participou. O intérprete, falecido o pasado mes de decembro, recibira o Premio Pedigree do festival no ano 2005.

O certame reforzará ademais a súa dimensión profesional coa asistencia de máis de 200 persoas vinculadas ao sector audiovisual. A metade delas participarán na presentación do Hub Audiovisual da Zona Franca, consolidando o papel do festival como punto de encontro entre creación e industria.

A programación internacional contará coa presenza da cineasta canadense Andrea Bussmann e cun foco especial dedicado ao realizador portugués Paulo Carneiro, unha das voces con maior proxección do cinema luso actual.

Ao longo das diferentes actividades e coloquios tamén participarán profesionais como María Vázquez, Manuel Manquiña, Uxía Blanco, Rafa de los Arcos, María Yáñez, Eloy Domínguez, Álvaro Gago e Jaione Camborda, Premio Pedigree desta edición.

A programación musical incluirá 25 actuacións de estilos diversos, moitas delas ligadas ás proxeccións audiovisuais. Entre os artistas confirmados figuran De Ninghures, Nat Simons, Aurora Beltrán, Arizona Baby, Laura LaMontagne e The Homens.

O acto de presentación contou coa presenza de representantes institucionais, patrocinadores, integrantes da organización e veciñanza da aldea, reforzando unha vez máis o carácter colectivo e comunitario que define ao Festival de Cans.

0.31704187393188