Katy Perry, primeira gran confirmación de O Son Do Camiño 2026

Tras anunciar a semana pasada as datas oficiais para 2026 —os días 18, 19 e 20 de xuño en O Monte do Gozo—, O Son Do Camiño revelou hoxe o primeiro nome do seu cartel: Katy Perry será unha das grandes protagonistas dunha nova edición que promete volver facer historia.
Ícono global, referente da cultura pop e unha das artistas femininas máis influentes do século XXI, Katy Perry chegará a Santiago de Compostela no marco da súa nova xira europea, que se perfila como unha das máis espectaculares e agardadas do ano. Será unha oportunidade única para gozar do seu impoñente directo, cunha produción de primeiro nivel e un repertorio cheo de himnos que marcaron a toda unha xeración.
Con este anuncio, o festival confirma o seu compromiso cos grandes nomes do panorama internacional e consolida a súa posición como un dos eventos musicais imprescindibles de Europa. Un posto que quedará aínda máis reforzado co anuncio doutro gran cabeza de cartel que se fará público mañá.
Os abonos para a edición de 2026 sairán á venda o venres 17 de outubro ás 12:00 horas.
O Son Do Camiño regresa en 2026 para celebrar unha nova edición no recinto máis mítico do país, O Monte do Gozo, co impulso da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e coa ambición intacta de superar todos os récords previos de asistencia, repercusión e calidade artística.
Desde a súa primeira edición en 2018, o festival colgou o cartel de sold out en todas as ocasións, atraendo a milleiros de asistentes de todo o mundo e convertendo Galicia nunha parada obrigada do circuíto internacional de festivais.
O evento está producido polas promotoras galegas Esmerarte Industrias Creativas e Bring The Noise, que seguen apostando por un festival concibido en Galicia, desde Galicia e para o mundo.
A conta atrás xa comezou. E con Katy Perry como primeiro gran nome, O Son Do Camiño 2026 prepárase para vivir unha edición inesquecible.
👉 E ollo, porque mañá anunciarase outro gran cabeza de cartel.