Kid Mount é o primeiro artista confirmado para o II Festival Soa Suarna

O evento, que se celebrará o 22 de agosto en Navia de Suarna, combinará tradición e novas propostas culturais na montaña lucense
Kid-Mount
11 Jun 2026

A organización do Festival Soa Suarna confirmou o primeiro nome do cartel da súa segunda edición, que terá lugar o vindeiro 22 de agosto en Navia de Suarna. O artista galego Kid Mount será un dos protagonistas dunha cita que busca consolidarse como un referente cultural na montaña lucense.

Natural de Xinzo de Limia, Kid Mount é unha das voces emerxentes da música urbana galega. A través do trap en galego, o artista foi gañando presenza tanto nos escenarios como nas plataformas musicais, construíndo unha proposta que combina sons actuais coa aposta pola lingua propia.

A confirmación do músico supón o primeiro avance dunha programación que volverá reunir música e cultura nun evento que pretende poñer en valor as raíces da comarca de Navia de Suarna. O festival naceu coa vocación de reivindicar a identidade cultural do territorio, ao tempo que incorpora iniciativas innovadoras capaces de ampliar e diversificar a oferta cultural da zona.

Desde a organización destacan que Soa Suarna aspira a converterse nun espazo de encontro interxeracional no que convivan tradición e modernidade, favorecendo a difusión da cultura galega e contribuíndo á dinamización social e cultural da comarca.

Co anuncio de Kid Mount, o festival comeza a quentar motores para unha segunda edición na que a música volverá ser unha das grandes protagonistas do verán na montaña lucense.

0.34981989860535