Lalín converterá a eclipse do 12 de agosto nunha gran celebración cultural e astronómica

A Deputación de Pontevedra colaborará coa programación do Concello, que incluirá máis de sete horas de actividades e o concerto de Fillas de Cassandra no Altar do Sol
lalin_rafa-eclipse
5 Aug 2026

Lalín reforzará a súa posición como un dos principais puntos de observación da eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto cunha ampla programación cultural e divulgativa que transformará o Altar do Sol, en Alperiz, nun espazo de encontro arredor deste acontecemento astronómico.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou na presentación da iniciativa acompañado polo alcalde, José Crespo, e pola directora de Turismo da institución provincial, Romina Fernández, destacando o papel de Lalín como un dos lugares privilexiados para seguir o fenómeno. O mandatario provincial agradeceu a implicación do Concello na posta en marcha dun programa específico arredor da eclipse, integrado na iniciativa turística Baixo o Ceo das Rías Baixas.

A programación estenderase durante máis de sete horas e combinará propostas culturais, patrimoniais e de lecer pensadas para todos os públicos. Entre os actos previstos figura o concerto de Fillas de Cassandra, que terá lugar ás 22.00 horas no Altar do Sol e que contará co apoio económico da Deputación.

Luis López subliñou que a eclipse representa unha oportunidade para impulsar o astroturismo e dar a coñecer o potencial do interior da provincia. Neste sentido, lembrou que Lalín forma parte dos destinos Starlight de Pontevedra e destacou que o proxecto Baixo o Ceo das Rías Baixas, posto en marcha en 2023, busca consolidar unha oferta turística estable vinculada á observación do ceo, favorecendo a chegada de visitantes e a dinamización do medio rural.

A Deputación tamén desenvolveu outras accións relacionadas coa eclipse, como a creación de puntos de observación, actividades divulgativas, formación para profesionais do sector turístico e o reparto de preto de 30.000 lentes homologadas para garantir unha observación segura do fenómeno. Ademais, continúa traballando para que os castelos de Soutomaior e Sobroso obteñan a certificación Starlight e reforzar así a oferta de turismo astronómico na provincia.

0.44713592529297