Láncara lembra a Fidel Castro no centenario do seu nacemento cun acto na Casa Museo Ángel Castro

A Casa Museo Ángel Castro, en Láncara, acolleu un acto conmemorativo coincidindo co centenario do nacemento de Fidel Castro. A iniciativa foi organizada pola Asociación de Amistade Láncara-Cuba e contou coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro.
No encontro participaron tamén o embaixador de Cuba en España, Marcelino Medina, así como representantes de distintas asociacións hispano-cubanas, nunha xornada centrada na lembranza da figura histórica de Fidel Castro e nos vínculos que unen Galicia e Cuba a través da emigración.
Durante o acto púxose en valor a relación existente entre ambos territorios desde a terra natal de Ángel Castro Argiz, pai do histórico dirixente cubano, natural de Láncara. Os participantes destacaron tamén os lazos culturais e humanos construídos ao longo de décadas entre Galicia e a illa caribeña.
A programación incluíu ademais o descubrimento dun busto dedicado a José Martí, político, escritor, pensador e poeta cubano considerado unha das figuras máis relevantes da historia de Cuba.