Lanzan unha nova edición dos Bonos Talento Empresa dotada con 2,2 millóns de euros

O DOG publica hoxe unha nova edición destas achegas para a posta en marcha desta formación áxil e non regrada
Oferta de Empleo
22 May 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste ano dos Bonos Talento Empresa, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dotada con 2,2 M€ para a posta en marcha de accións formativas non regradas e de curta duración —entre 16 e 100 horas— adaptadas ás necesidades específicas de cada empresa e dirixidas a mellorar os coñecementos e competencias dos seus cadros de persoal.

Co lanzamento desta nova edición prevese beneficiar 130 empresas e formar a arredor de 1.500 persoas. Esta orde conecta plenamente tanto coas directrices marcadas pola Unión Europea como co enfoque do novo Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo —xa en vigor e actualmente en fase de desenvolvemento normativo para a súa implantación progresiva nos vindeiros meses—, que fixa as bases para deseñar, impartir, avaliar e certificar este tipo de formación curta e aliñada coa demanda real do tecido produtivo, garantindo a súa calidade, utilidade e recoñecemento.

Neste contexto de profunda transformación do modelo formativo, a convocatoria incrementa ademais o seu orzamento en 200.000 euros respecto das edicións anteriores para dar resposta á crecente demanda desde a súa posta en marcha en 2023, reflectindo o interese crecente por este tipo de accións.

En concreto, poden solicitar estas axudas “á carta” empresas de calquera tamaño e autónomos con persoal contratado, desde o 2 de xuño ata o 3 de agosto de 2026, salvo esgotamento de crédito. O importe subvencionable dependerá do tamaño da firma, cun máximo de 25.000 euros por entidade.

A iniciativa — cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027— destaca pola súa sinxeleza administrativa, esixindo uns requisitos mínimos: que as entidades solicitantes teñan centro de traballo en Galicia e tres anos de antigüidade, e que as persoas participantes sexan traballadores/as en activo da entidade solicitante. Outra das súas principais vantaxes é que se trata dunha formación non formal e, polo tanto, non suxeita aos requisitos doutras liñas de formación máis ríxidas.

En consecuencia, os proxectos formativos —de modalidade presencial e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas— poderán adaptarse no relativo a contidos, programas, persoal docente ou lugar de celebración segundo as necesidades concretas de cada solicitante.

No que respecta á celebración das accións formativas, no caso da anualidade 2026 poderán impartirse desde o día seguinte da publicación da orde no DOG ata o 31 de outubro. As celebradas desde o 1 de novembro de 2026 —e deica o 30 de setembro— computarán no ano 2027.

O programa amosa así unha evolución en continuo aumento, tanto no número de solicitudes como na oferta formativa mobilizada, acumulando na actualidade máis de 500 cursos realizados e preto de 3.200 persoas participantes. Deste xeito, a Xunta consolida a aposta polas microformacións non regradas —complementando o resto de oferta formativa de carácter formal— como ferramenta estratéxica para ofrecer ao tecido produtivo unha resposta áxil, flexible e á medida nun contexto laboral marcado por cambios cada vez máis acelerados, especialmente en sectores como o dixital, o industrial, a xestión empresarial, os servizos persoais e á clientela ou as tecnoloxías limpas. Ao tempo, contribúe a impulsar a recualificación e a actualización continua das persoas traballadoras, reforzando a súa empregabilidade ao longo da vida laboral.

0.31029605865479