Lara Méndez acusa a Rueda de incumprir os estatutos do PP ao non expedientar a Elena Candia pola moción de censura de Lugo

A dirixente socialista critica o “Pacto do Tanatorio” e denuncia unha “pinza” entre PP e BNG para limitar a capacidade fiscalizadora do Grupo Socialista no Parlamento
Lara-Mendez
12 May 2026

A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego e secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Lara Méndez, denunciou o que cualificou como o “Pacto do Tanatorio” que permitiu converter en alcaldesa de Lugo a Elena Candia co aval do presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda. A responsable socialista asegurou que Rueda “incumpre os estatutos do seu propio partido” ao non abrir expediente a Candia por apoiarse nunha tránsfuga para acceder á Alcaldía.

Logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, Lara Méndez criticou a “cara de cemento armado” do presidente galego e esixiulle que “deixe de mentir” ao asegurar que a Lei Antitransfuguismo non cambiou desde a aprobación dos estatutos do PP. A deputada lembrou que a sentenza do Tribunal Constitucional sobre esta norma foi ditada o 10 de xuño de 2025 e que a nota de prensa correspondente se publicou o día 16 dese mesmo mes, mentres que os estatutos do PP foron aprobados posteriormente, en xullo dese ano.

Segundo explicou, os propios estatutos do Partido Popular obrigan a expedientar aos candidatos ou candidatas que se apoien en persoas tránsfugas, polo que considera que a negativa a actuar contra Elena Candia responde unicamente á vontade política de Alfonso Rueda. Lara Méndez criticou ademais que, “logo de apoiarse nunha tránsfuga”, o PP “apóiese nunha mentira tras outra” para xustificar a moción de censura que provocou o cambio de goberno municipal en Lugo. Neste contexto advertiu de que “Lugo nin esquece nin perdoa” a actuación dos populares na cidade.

A parlamentaria socialista tamén denunciou a existencia dunha “pinza” entre o Partido Popular de Galicia e o Bloque Nacionalista Galego para “recortarlle dereitos” ao Grupo Socialista no Parlamento galego. Explicou que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, non poderá formular a pregunta ao presidente da Xunta no próximo Pleno debido a esa decisión conxunta de populares e nacionalistas.

Méndez asegurou que a hemeroteca desmonta os argumentos empregados por ambas formacións e lembrou que grupos parlamentarios con menos deputados dos que ten actualmente o PSdeG si dispuxeron tradicionalmente desa pregunta ao presidente. Sinalou ademais que a situación podería solucionarse facilmente concedendo “11 minutos máis” ao semestre sen retirarlle dereitos a ningún grupo, pero acusou ao PP de non querer resolver o conflito e ao BNG de “calar e aceptar” mentres se beneficia da situación.

A responsable socialista advertiu de que esta actuación busca “limitar a capacidade fiscalizadora” do Parlamento e “silenciar” ao principal grupo da oposición, nunha estratexia que, segundo afirmou, “ten un prezo que pagan os galegos e as galegas”.

Na comparecencia tamén avanzou parte das iniciativas que o Grupo Socialista levará ao próximo Pleno da Cámara autonómica. Entre elas figura unha interpelación sobre os efectos das políticas lingüísticas da Xunta, que, segundo denunciou, levaron o galego “á peor situación imaxinable en democracia”. Coincidindo coa semana das Letras Galegas, os socialistas presentarán unha iniciativa para alertar da situación da lingua e defender que “o galego non vive de celebracións, vive de políticas públicas”.

Tamén reclamarán ao Goberno galego que impulse o desenvolvemento da Intelixencia Artificial en galego, denunciando que a Xunta non destinou “nin un só euro” a este ámbito nos últimos tres anos, fronte aos preto de 3,5 millóns de euros investidos polo Estado.

En materia sanitaria, o Grupo Socialista presentará unha moción con seis propostas para mellorar a Atención Primaria, comezando pola mellora das condicións laborais dos MIR para atraer máis profesionais ao sistema público. Lara Méndez lembrou que Galicia é a comunidade autónoma que peor remunera aos médicos en formación e, segundo o Consello de Contas, a segunda que menos inviste en Atención Primaria, só por riba de Madrid.

A deputada cualificou ademais de “intolerable” a actitude do conselleiro de Sanidade por “matar ao mensaxeiro” ao cuestionar o informe do Consello de Contas sobre a situación sanitaria en lugar de modificar as políticas actuais. Os socialistas tamén preguntarán pola situación da sanidade na comarca de Monterrei como exemplo das consecuencias dos “17 anos de recortes e desmantelamento” do sistema público.

Entre as iniciativas rexistradas tamén figuran dúas proposicións non de lei para reclamar un informe detallado sobre a vivenda pública construída en Galicia desde 2009 e para esixir políticas eficaces contra a discriminación das persoas LGTBI. Ademais, levarán ao Parlamento unha pregunta sobre o proxecto da planta de biogás de Soandres, na A Laracha, co obxectivo de reclamar transparencia e participación veciñal ante a forte contestación social xerada polo proxecto.

0.33047199249268