Lara Méndez acusa a Turismo de non executar o orzamento, no día que Merelles explica os investimentos previstos

Lara Méndez criticou esta mañá a xestión da Xunta en materia de turismo, sen estratexia, nin planificación, nin execución, e cun descenso orzamentario incluso cando o 2027 será ano xacobeo. Durante a comparecencia do director da Axencia Galega de Turismo en comisión parlamentaria, para informar das contas do organismo público para o vindeiro exercicio, a deputada do PSdeG criticou moitas das cifras que lle serven ao Goberno galego para “sacar peito”. Sinalou, por exemplo, o presunto incremento do número de visitantes e pernoctacións na provincia de Ourense, cando facer a comparación co 2025, ano da vaga de lumes, mostra unha intención de retorcer os datos.
Méndez indicou que, de cara ao próximo ano, o presuposto para turismo “non sobe nin sequera o que aumenta o orzamento xeral”. Por enriba, se se compara co de 2025, “está aínda por debaixo”, algo que non cadra para unhas contas, en teoría, “pensadas para o xacobeo”. Como posible causa, sinalou que “cando hai máis fondos do Goberno central ou de Europa, hai máis orzamento, pero se procede só da Xunta, a cousa cambia”.
Por outra parte, referiuse ao nivel de gasto. “Falan de planificación? A execución dos primeiros seis meses de 2026 non chega nin a un cuarto, pero xa compensarán sacando a chequeira por barrios e parroquias, e non con fins turísticos”, dixo en referencia, tamén, ao desvío de fondos a fins de dubidoso encaixe no eido turístico para repartilos “con arbitrariedade”. Apoiou esa afirmación no que indican as contas xa pechadas de 2025. “De 146 millóns, 34 en adxudicacións. Onde van os outros 112? Moitos, en convenios ad hoc e contratos menores con esa outra finalidade”, detallou.
A parlamentaria socialista salientou que, ademais, trátase duns orzamentos “desequilibrados entre as provincias”, con partidas de novas infraestruturas, mobiliario de albergues, dixitalización e medidas de sustentabilidade que só van para unha.
Respecto do xacobeo, lembrou as queixas entre sectores da hostalería ante a falta de programación ou calendario a só dous meses do inicio do ano. “En xaneiro Rueda dicía que estaba en marcha; en outubro dicía que se están facendo as cousas como as hai que facer e pedía un pouco de tempo”, censurou ante a falta de concreción.
Turismo de Galicia defende un investimento de 132,3 millóns de euros en 2027, case un 5 % máis que este ano
A Xunta incrementará os recursos destinados á promoción, á modernización empresarial e á mellora das infraestruturas turísticas. O Xacobeo 2027 concentrará 96,67 millóns de euros, con especial atención á promoción internacional, que alcanzará os 16 millóns.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou durante a súa comparecencia no Parlamento que a estratexia para 2027 busca consolidar un modelo turístico competitivo, sostible e equilibrado. Tamén sinalou a importancia de atraer visitantes con maior capacidade adquisitiva e favorecer a actividade durante todo o ano.
Turismo de Galicia disporá dun orzamento de 132,3 millóns de euros para 2027, o que supón un aumento de 6,39 millóns respecto ao exercicio anterior. Entre as prioridades figuran reforzar a competitividade do sector, impulsar novos produtos como o enoturismo e o turismo de gama alta e distribuír os beneficios da actividade turística por todo o territorio.
As contas reservan 35 millóns para a promoción do Xacobeo 2027 e elevan de 13 a 16 millóns a partida destinada á promoción internacional. Ademais, prevén 8 millóns para mellorar a eficiencia enerxética dos establecementos turísticos e outros 5 millóns para actuacións dos concellos e xeodestinos.
O orzamento tamén inclúe 96,67 millóns vinculados ao Xacobeo, con partidas para o mantemento dos itinerarios xacobeos, a conservación do patrimonio e o programa O Teu Xacobeo, que contará con 3 millóns para iniciativas de empresas, asociacións e entidades locais.
Como referencia da evolución do sector, Merelles indicou que Galicia recibiu ata setembro 5,7 millóns de visitantes, que realizaron 11,2 millóns de pernoctacións, un 3 % máis que no mesmo período de 2025. Os ingresos turísticos alcanzaron os 394,5 millóns de euros, cun crecemento do 7,4 %, mentres que a rendibilidade aumentou un 8 %.
A modernización tecnolóxica das empresas, a mellora da oferta local e a ordenación dos fluxos de visitantes completan as principais liñas de actuación. A Xunta tamén pretende reforzar produtos como o turismo termal, a gastronomía, a natureza e o patrimonio histórico, ademais de impulsar ferramentas dixitais e intelixencia turística para mellorar a xestión e a sostibilidade do destino.