Lara Méndez advirte de que a programacion do Xacobeo leva un ano de retraso

Reuniuse hoxe co novo comisario, que foi nomeado a só sete meses do inicio do Ano Santo, cando a súa antecesora para o 2021-2022 tomou posesión do cargo cunha marxe de case tres anos
lara-mendez-reunion-xacobeo-27
28 Jul 2026

A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego advertiu hoxe que a programación da Xunta para o Ano Santo leva, cando menos, un ano de atraso. Foi tras a reunión que mantivo esta mañá co novo comisario do Xacobeo 2027, na que estivo acompañada pola deputada Patricia Iglesias.

Méndez lamentou que o nomeamento do responsable dunha celebración tan importante para Galicia se demorase ata xuño, a falta de só sete meses para o 2027, cando a súa antecesora no cargo para o Xacobeo 2021-2022 tomou posesión en febreiro de 2018, cunha antelación de case tres anos.

A parlamentaria do PSdeG sinalou que neste momento o Xacobeo está en plena captación de fondos e patrocinios, “cando hai un ano que se sabe que o Goberno central ía apoiar o mecenado e as bonificacións fiscais”, polo que as negociacións cos patrocinadores xa se poderían ter feito. “Van moi tarde”, insistiu.

“Non pode ser que as liñas mestras do Xacobeo 2027 se vaian presentar en decembro”, criticou Lara Méndez tras coñecer a previsión de que o anuncio se fará na primeira quincena dese mes, a poucos días do novo ano.

Por outra banda, a viceportavoz socialista aproveitou a reunión para reclamar que os eventos cheguen á maior parte do territorio galego, “cun reparto igualitario” entre as cidades e tamén entre os concellos que son cabeceira de comarca, “independentemente de que o Camiño pase por eles ou non”.

Pediu, ademais, un criterio único para as entradas. “Non pode ser que haxa concertos de pago e outros non”, dixo. A iso uniu outra demanda, que non se contraprograme para evitar prexudicar a eventos que xa están fixados no calendario e ao público que desexa asistir a eles. “Non pode haber agravios comparativos”, advertiu.

0.38075184822083