Lara Méndez levará o Parlamento o peche de máis de 500 camas hospitalarias durante o verán

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, anunciou hoxe os asuntos que o PSdeG levará ao próximo Pleno do Parlamento da próxima semana e advertiu de que a crise da vivenda e a situación da sanidade pública volverán ocupar un lugar central no debate político galego.
Méndez explicou que os socialistas preguntarán directamente a Alfonso Rueda se considera que as políticas do seu goberno están a dar resposta aos miles de galegos e galegas que teñen cada vez máis dificultades para acceder a unha vivenda digna.
A viceportavoz socialista lembrou que a vivenda se ten convertido nun dos principais factores de empobrecemento da mocidade, aínda que se trata dun problema que afecta xa de maneira transversal ao conxunto da sociedade. Neste sentido, recolleu a proposta formulada esta fin de semana polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen defendeu que a vivenda debe deixar de ser un dos grandes fracasos sociais para converterse no quinto piar do Estado do Benestar. “Do mesmo xeito que ninguén discute hoxe o dereito á sanidade ou á educación, temos que garantir tamén o dereito a unha vivenda digna”, sostivo.
Méndez denunciou que o prezo medio do alugueiro en Galicia aumentou máis dun 50 por cento na última década e advertiu de que cada vez son máis as familias, mozos, mozas e persoas maiores que destinan unha parte desproporcionada dos seus ingresos á vivenda. Fronte a esta realidade, acusou á Xunta de carecer dun plan eficaz e de limitarse a anunciar medidas insuficientes mentres evita asumir as súas responsabilidades.
A responsable socialista situou tamén a sanidade pública no centro do debate parlamentario a través dunha moción coa que o PSdeG buscará abrir un cambio de rumbo tras, segundo denunciou, 17 anos de deterioro progresivo do sistema sanitario galego. A iniciativa chega nun contexto marcado polo peche de máis de 500 camas hospitalarias durante este verán en toda Galicia e pola crecente presión asistencial nos servizos de urxencias.
Lembrou que a sanidade non colle vacacións no verán e advertiu de que a redución de recursos coincide cunha situación de saturación nas urxencias, co incremento das listas de espera e co malestar dos profesionais sanitarios. “Mentres os galegos e galegas seguen enfermando e precisando atención médica, a Xunta responde pechando camas e reducindo a capacidade asistencial dos hospitais”, criticou.
A través desta moción, os socialistas proporán medidas para comezar a reverter a situación da sanidade pública galega e romper, segundo sinalou Méndez, “co círculo vicioso no que o Partido Popular ten metido o sistema sanitario tras case dúas décadas de recortes e falta de planificación”.
Xunto á vivenda e a sanidade, o PSdeG porá o foco na política forestal da Xunta, despois de que o Goberno galego volvese apostar pola contratación temporal de brigadas e chegase ao inicio da campaña de alto risco cun atraso considerable na presentación do Pladiga.
Os socialistas defenderán ademais a creación dunha residencia pública de maiores na Estrada, iniciativas para garantir prezos xustos para o sector lácteo, medidas para reconducir a crise aberta no Centro Galego de Arte Contemporánea e propostas relacionadas coa planificación dos procesos de emprego público na Administración autonómica.
A viceportavoz socialista destacou ademais a constitución esta semana da comisión de estudo sobre financiamento autonómico, impulsada polo PSdeG, e criticou a negativa da Xunta a participar de forma construtiva no debate sobre a reforma do modelo e sobre a quita da débeda proposta polo Goberno de España.
Méndez valorou tamén a creación da mesa do leite promovida por Unións Agrarias, unha iniciativa que considerou necesaria para abordar os retos dun sector estratéxico para Galicia. “O Parlamento ten que servir para falar dos problemas reais da xente”, dixo.