Lara Méndez reclama á Xunta un Plan de Turismo "máis alá do Camiño de Santiago"

Tamén solicitou mecanismos de diálogo permanente co sector turístico para dar resposta ás súas demandas e necesidades reais
lara-mendez
29 May 2026

A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha de forma urxente un Plan de turismo integral e sostible “que diversifique a oferta máis alá do Camiño de Santiago”. A responsable socialista presentou esta proposta na Comisión de Cultura do Parlamento, na que reivindicou “unhas políticas turísticas para todo o territorio de Galicia” e que foi rexeitada polo PP.

Méndez reclamou “políticas turísticas que axuden a dinamizar, a fixar poboación e a manter o territorio”, cunha xestión que “non teña tanta dependencia do Camiño de Santiago”, que neste momento constitúe “a única política activa” do goberno galego en materia de turismo. Advertiu que esta excesiva dependencia provoca que o impacto da caída da ocupación hoteleira de Santiago, que caeu máis dun 41 por cento en maio, repercuta no global do turismo en toda Galicia.

A responsable socialista propuxo neste sentido que o goberno galego poña en marcha accións coordinadas cos concellos polos que discorre o Camiño de Santiago “para minimizar o impacto negativo diante da perda de pernoctacións” na capital galega. Ademais, chamou a preparar “de maneira eficaz” o Xacobeo 2027 para garantir “unha planificación anticipada, investimentos suficientes e unha estratexia de promoción internacional ambiciosa”.

Tamén solicitou mecanismos de diálogo permanente co sector turístico para dar resposta ás súas demandas e necesidades reais, e un proceso rigoroso de avaliación das políticas turísticas dos últimos anos para levar a cabo as correccións necesarias para evitar a perda de competitividade de Galicia como destino turístico.

0.32777881622314