Lara Méndez reclama unha estratexia a dez anos para garantir prezos xustos do leite

A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, reclamou na Comisión sobre o prezo do leite a elaboración dunha estratexia a dez anos, pactada entre as administracións e o sector, para garantir prezos xustos aos produtores e asegurar o futuro da actividade gandeira en Galicia. Ao mesmo tempo, criticou a política económica da Xunta, á que acusou de anunciar cifras récord en materia orzamentaria mentres, segundo afirmou, non executa os recursos dos que dispón.
Durante a súa intervención na Comisión do Leite, na que compareceu o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, Méndez advertiu de que Galicia produce máis leite ca nunca, pero conta con menos explotacións. Segundo lembrou, na última década pasouse de máis de 9.600 granxas a arredor de 4.900, mentres a produción aumentou un 19 %, unha evolución que, ao seu xuízo, pon en risco o relevo xeracional e a cohesión do rural.
A deputada socialista asegurou que o sector lácteo afronta un “problema estrutural que require respostas públicas” e defendeu que as prioridades deben centrarse en reforzar a cadea alimentaria, garantir rendas dignas aos produtores e impulsar unha política industrial que incremente o valor engadido do leite producido en Galicia. Neste sentido, lembrou que a comunidade só transforma o 63 % da súa produción e considerou que aumentar esa porcentaxe debe ser “un obxectivo de país”.
Méndez tamén reivindicou a Lei da Cadea Alimentaria impulsada polo Goberno central e pediu reforzar os mecanismos de control, negociación e transparencia, ademais de estudar ferramentas como a mediación pública, o fortalecemento das organizacións de produtores ou a denominada conta láctea, sempre dentro do marco competencial. Ao seu xuízo, o sector necesita “grandes acordos” que lle proporcionen estabilidade e unha planificación a longo prazo.
A parlamentaria concluíu advertindo de que a desaparición das explotacións ten consecuencias que van máis alá da produción. “Cando desaparece unha explotación gandeira, Galicia non perde litros de leite; perde emprego, perde poboación, perde territorio e perde futuro”, afirmou.
Por outra banda, tras a Xunta de Portavoces, Lara Méndez referiuse ao debate do teito de gasto que o Parlamento celebrará este xoves e á decisión das comunidades autónomas gobernadas polo PP de non asistir ao Consello de Política Fiscal e Financeira. A socialista sostivo que “dá igual o teito de gasto que aprobes ou os orzamentos que teñas se despois non os executas”.
Méndez cualificou de contraditoria a postura das autonomías populares ao considerar que recoñecen a necesidade de reformar o sistema de financiamento autonómico e, ao mesmo tempo, solicitan aprazar a reunión na que se debía abordar esa cuestión. “Recoñecen a urxencia e piden esperar”, criticou.
Tamén rexeitou o argumento da falta de información por parte do Ministerio de Facenda e asegurou que as comunidades do PP xa dispoñen da documentación necesaria para participar na negociación. Segundo indicou, “o mecanismo de negociación multilateral deste país chámase Consello de Política Fiscal e Financeira”, polo que considerou incoherente reclamar diálogo e non acudir á reunión.
En relación co teito de gasto que presentará o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Méndez afirmou que o anunciado “récord histórico” se sustenta na senda de estabilidade aprobada polo Estado e que o PP votou en contra nas Cortes Xerais. Ademais, incidiu en que o incremento dos ingresos responde ao bo comportamento da economía e non á xestión do Executivo autonómico, ao tempo que acusou ao PP de “cinismo político” por reclamar máis recursos mentres, segundo dixo, bloquea os espazos de negociación onde se deciden.