Lara Méndez: "Se Candia tivese en conta o sentir do pobo, esperaría a 2027 e tentaría gañar nas urnas"

A secretaria de Organización do PSdeG cualifica de “indecente” o cambio de goberno e denuncia que a nova alcaldesa “arrebatou a vontade do pobo” e practica unha estratexia de división na cidade
Lara-Méndez-Silvia-Longueira-PSdeG
8 May 2026

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciou que a moción de censura que entregou a Alcaldía de Lugo a Elena Candia é unha "moción indecente" que «arrebatou a vontade do pobo» expresada nas urnas en 2023, e advertiu de que a cidadanía lucense "pasará factura nas urnas en 2027".

A dirixente socialista lembrou que o modus operandi da nova alcaldesa popular non é novo. “Desde aqueles anónimos falsos cando estaba na oposición na Deputación, ata o mercadeo de hoxe para facerse coa Alcaldía. Non só cando está no goberno, cando está na oposición tamén utiliza estas prácticas. Esa é a forma de actuar da señora Candia”, afirmou.

Méndez sostivo que a contraprestación que se negou estes días cara á tránsfuga María Reigosa está xa á vista de todos. “No momento en que se están outorgando funcións que non tiñan, no momento en que se estuda a fórmula para, sen pasar a liña vermella da legalidade, atribuírlle máis competencias á señora Reigosa, está demostrado que aquí houbo contraprestación. Está demostrado que a señora Candia mercadeou e segue mercadeando coa cidade de Lugo e coas súas veciñas e veciños”.

A secretaria de Organización anticipou o que vén nos próximos meses. “Imos ver anuncio tras anuncio de proxectos que estiveron bloqueando. Probablemente teremos zona de baño, haxa máis fondos para o Museo da Romanización e, por fin, despois de 27 anos, rematarase o Plan Paradai, que empezou en 1999”. Para Méndez, eses anuncios serán a confesión implícita de quen estivo todos estes anos atrancando o avance da cidade.

A dirixente socialista advertiu de que a forma de facer de Candia continuará durante este mandato. “Vai impoñer as súas normas. Empezou xa cos actos simbólicos, retirando a bandeira en apoio ao pobo palestino, e seguirá enturbiando, crispando e confrontando, porque a confrontación e a crispación en Lugo veñen exactamente de 2022, cando ela anunciou que ía ser candidata polo PP”.

“Indignación tremenda” nas rúas de Lugo

A responsable de Organización dos socialistas galegos describiu o estado de ánimo dunha cidade que está vivindo a moción “cunha indignación tremenda”. “Esa indignación aflora nas concentracións, pero tamén nas rúas, tomando un café, nos whatsapps, nas chamadas. A xente nos para para trasladarnos o seu apoio e a súa indignación”, relatou. Méndez subliñou que para os lucenses “Miguel Fernández segue sendo o alcalde aos ollos da veciñanza”.

Recordou que en 2023 a cidadanía lucense decidiu nas urnas “unha alcaldesa socialista e un goberno progresista” e manifestouse convencida de que en 2027 “volverá dicir o mesmo”. “Se Candia tivese en conta o sentir do pobo, non sería alcaldesa. Esperaría a 2027 e tentaría gañar a confianza dos veciños nas urnas. Pero optou pola outra vía”, reprochou. “Presume de honestidade, presume de que non fai mercadeo nin chanchullos, de que vai mirando cara adiante pensando en todos. E a realidade é que a súa forma de chegar á Alcaldía foi exactamente esa: o mercadeo, a compra de vontades”.

0.29542398452759