Lareira de soños organiza unha xornada dedicada ás mulleres este sábado
O sábado 6 de novembro, terá lugar en Guitiriz unha xornada con total protagonismo das mulleres. Será na Casa Habanera dende as 18:00 horas.
A sesión comezará coa inauguración da exposición fotográfica Mulheres, unha exposición de 160 fotografías de mulleres do rural de Mercedes Vazquez Saavedra que permanecerá aberta até o 24 de novembro. A fotógrafa e escritora Mercedes Vázquez Saavedra foi recentemente premiada como Arraiana de Honra en Entrimo e anteriormente no Couto Mixto pola súa labor de estudo da etnografía na raia con Portugal.
Posteriormente, terá lugar unha mesa redonda coa participación das varias mulleres. A primeira será Emi Cagiao, que tamén será presentadora e conductora do acto. Emi foi a recuperadora do antroido ancestral de Samede en Paderne sobre o que ten escrito un libro. Unirase Pastora Veres, autora do libro Lareira de soños, de Edicións Fervenza, froito dun intenso estudo antropolóxico na parroquia chairega dos Vilares.
Asiste tamén Mercedes Vazquez Saavedra, fotógrafa e investigadora con ampla experiencia no mundo das máscaras e do rural; ou Adela Figueroa Panisse, bióloga, poeta, novelista, ecoloxista e feminista. Autora da novela As mulheres da casa da Bouça da roupa estendida, recentemente editada por Edicións Laiovento.
Pecha a participación Encarna Otero, profesora, loitadora histórica do feminismo en Galiza, autora do documental As mulleres co mundo na cabeza, realizado con mulleres do Pindo en Carnota.
Todas as participantes traballan na recuperación da historia en diferentes ámbitos e sempre dende a perspectiva das mulleres, "as grandes esquecidas nos relatos do pasado, relegadas do protagonismo. As cinco darán ás mulleres o papel que lle corresponde por defeito", explican dende a organización, a cargo dos Vilares Lareira de soños.
E para rematar a xornada, proxectarase o documental As mulleres co mundo na cabeza, os camiños do Pindo, de Encarna Otero, unha homenaxe ás mulleres anónimas daquela zona en Carnota.