Leiro presenta a XXXV edición da Festa da Vendima, que se celebrará o 29 e 30 de agosto

O Concello de Leiro da a coñecer os detalles da vindeira edición desta festa declarada de interese turístico de Galicia, cuxo pregón correrá a cargo da actriz Mabel Lozano
vendima_leiro_2026
18 Aug 2026

O Concello de Leiro convoca a presentación oficial da XXXV edición da Festa da Vendima, un acto no que participará Francisco José Fernández Pérez. A cita terá lugar o vindeiro xoves 20 de agosto, ás 12.00 horas, no Espazo para a Promoción Cultural e Turística de Leiro, situado no segundo andar da Casa do Concello.

Esta popular celebración, recoñecida como festa de interese turístico de Galicia, volverá encher as rúas do municipio ourensán os días 29 e 30 de agosto, cun amplo programa de actividades para todos os públicos.

A xornada do sábado 29 arrincará ás 18.00 horas cunha ludoteca infantil e o acto de apertura da festa. Ás 21.00 horas inaugurarase a sexta edición da Mostra de Viños, e a noite continuará a partir das 22.00 horas con música en directo.

O domingo 30 concentrará o groso dos actos. A xornada comezará ás 10.00 horas coa recepción dos acios que optan ao concurso, que despois quedarán expostos. Ás 11.30 horas darase a benvida ás autoridades e persoas convidadas na Casa do Concello, e ás 12.00 horas lerase o pregón na Praza do Cruceiro, que nesta edición correrá a cargo da actriz Mabel Lozano, cuxo nome real é María Isabel López García.

A continuación, ás 12.15 horas, celebrarase o desfile de carrozas e charangas, que percorrerá a rúa Gabino Bugallal ata chegar ao Campo da Feira, coincidindo coa oitava edición da Concentración de Coches Clásicos. Xa pola tarde, ás 14:30 horas, poderase visitar o XXI Mercado Artesanal instalado no Salgueiral, ademais de gozar do xantar popular.

Ás 16.30 horas entregaranse os premios ós gañadores dos concursos de acios e carrozas, seguido de actividades infantís e festa no Salgueiral. A tarde continuará cun partido de fútbol de veteranos ás 17.45 horas e un concerto de corais da vendima ás 20.00 horas. A xornada, e con ela a festa, pecharase ás 22.00 horas cunha actuación musical no Salgueiral.

A organización desta edición conta coa colaboración do Concello de Leiro, a Deputación de Ourense, Inorde, a Xunta de Galicia e Abanca.

0.38431787490845