Licitada a adquisición dun sistema ECMO pediátrico para o Hospital Materno da Coruña por case 144.000 euros

O equipamento permitirá implantar o código ECMO pediátrico-neonatal no Sergas para mellorar a atención de pacientes con fallo cardíaco ou respiratorio grave
A CORUÑA chuac
21 Jul 2026

A Xunta de Galicia sacou a licitación o contrato para a subministración dun sistema de osixenación por membrana extracorpórea (ECMO) pediátrico destinado ao Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera, pertencente á Área Sanitaria da Coruña e Cee. O investimento ascende a 143.990 euros e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de agosto.

Esta contratación ten como finalidade dotar ao Servizo Galego de Saúde do equipamento necesario para implantar o código ECMO pediátrico-neonatal, un protocolo de actuación urxente e multidisciplinario dirixido a pacientes con fallo cardíaco ou respiratorio grave que non responden aos tratamentos convencionais.

O código ECMO activa un equipo especializado para proporcionar soporte vital extracorpóreo, facilitando a identificación rápida dos casos, o traslado dos pacientes ou a implantación do dispositivo no propio lugar onde se atopen cando sexa necesario. O seu obxectivo é mellorar a supervivencia de persoas con shock cardioxénico, tromboembolismo pulmonar de alto risco ou insuficiencia respiratoria severa.

No ámbito pediátrico e neonatal, este sistema demostrou ser unha ferramenta esencial como terapia de rescate en enfermidades pulmonares e cardíacas graves potencialmente reversibles cando os tratamentos habituais non resultan eficaces. Tamén pode utilizarse como ponte cara á recuperación, a outros dispositivos de asistencia ventricular ou ao transplante.

Segundo explica a Xunta, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña conta coa capacidade necesaria para recibir traslados de pacientes pediátricos e neonatais que precisen soporte ECMO e xa dispón dun protocolo específico para a utilización destes dispositivos en casos de fallo cardiorrespiratorio grave e reversible.

Ademais, o CHUAC é o único centro do Servizo Galego de Saúde que realiza cirurxía cardíaca infantil e tamén é o hospital de referencia para a implantación de dispositivos de asistencia mecánica circulatoria de longa duración como ponte ao transplante cardíaco. Por este motivo, os pacientes pediátricos galegos que precisen esta prestación serán atendidos polos profesionais deste centro.

O principal obxectivo do novo código ECMO pediátrico-neonatal será garantir a detección precoz dos pacientes candidatos a este soporte vital para asegurar o seu traslado ao hospital de referencia nas mellores condicións posibles. Ademais, o protocolo tamén permitirá organizar o transporte interhospitalario de pacientes pediátricos e neonatais con ECMO entre os hospitais de nivel III do Sergas e a UCI pediátrica ou neonatal do CHUAC, co propósito de mellorar a seguridade, a eficacia asistencial e as posibilidades de supervivencia.

0.37326598167419