Licitan por máis de 680.000 euros o material funxible para intervencións de uroloxía na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

O contrato inclúe tamén a cesión do equipamento asociado e permitirá tratar patoloxías como a hiperplasia prostática benigna ou a litiasis renal
servizo-uroloxia-chuo
17 Jul 2026

A Xunta de Galicia licitou por un importe de 681.835 euros a subministración de material funxible destinado á realización de intervencións de uroloxía na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

O expediente, publicado no Portal de Contratos Públicos de Galicia, está dividido en dous lotes e inclúe, ademais do material necesario para as intervencións, a cesión do equipamento asociado a esta especialidade médica, así como os accesorios precisos para o seu correcto funcionamento.

Entre o material incluído no procedemento figuran fibras desbotables para láser de holmio e funxibles para morcelador, equipamentos destinados a facilitar a prevención, rehabilitación e tratamento de diferentes enfermidades urolóxicas.

Estes instrumentos permitirán realizar de forma máis sinxela intervencións relacionadas con patoloxías como a hiperplasia prostática benigna ou a litiasis renal. No caso da hiperplasia prostática benigna, os láseres permiten realizar extirpacións ou retirar tecido de maneira segura e con menores dificultades.

No tratamento das pedras nos riles, o uso do láser está indicado especialmente para casos de litiasis renal con cálculos grandes ou duros. Ademais, este material permitirá realizar a nefrolitotomía percutánea, unha técnica de intervención para abordar pedras de difícil acceso.

As empresas interesadas en participar neste procedemento dispoñen de prazo ata o 10 de agosto para presentar as súas ofertas.

0.32575011253357