“Lonxa de versos” leva a poesía galego-portuguesa á Praza de Abastos de Pontevedra

O Concello de Pontevedra presentou o proxecto “Lonxa de versos. Poesía na Praza”, un encontro que une Galiza e Portugal a través da palabra poética e que terá lugar este sábado 20 de setembro ás 19.00 horas na Praza de Abastos. A iniciativa, impulsada pola área de Promoción Económica, reunirá a oito poetas galegos e portugueses nun recital aberto a todos os públicos.
A concelleira Anabel Gulías destacou que o proxecto “vai máis aló do ámbito literario”, enmarcándose na estratexia de proxección exterior de Pontevedra e como parte dunha “firme aposta polas industrias culturais e creativas” da cidade.
O recital contará coa participación de catro voces galegas, Antón Sobral, Armando González López, Carmen Quinteiro, Xaime Toxo e Charo Valcárcel, e catro portuguesas encabezadas por Elisabeth Oliveira, que estarán acompañadas por João Pedro Azul, Aurelino Costa e Olga Santos. En total, oito poetas de Pontevedra, A Estrada, Porto, Vila do Conde ou Roubaix que ofrecerán un recital conxunto galaico-portugués.
Entre os nomes destacados está Aurelino Costa, unha das voces poéticas máis recoñecidas en Portugal, con obras como Na raiz do tempo, Domingo no corpo ou Casa e logradouro, finalista do premio Bertrand en 2023. Pola súa parte, Elisabeth Oliveira, codirectora do encontro, conta cunha ampla traxectoria como autora e tradutora, con títulos como POESIS, Náufragas no mar e na terra ou As Ninguén (2025).
Toda a información sobre o programa completo está dispoñible a través das canles oficiais do Concello de Pontevedra.