Luar na Lubre, Finisterre, Olympus e Miramar protagonizan a primeira Santa Minia como Festa de Interese Turístico de Galicia

A Romaría de Santa Minia de Brión celebrará este ano a súa primeira edición tras ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia cunha programación marcada pola música, as tradicións e a previsión dunha importante afluencia de visitantes. Entre o venres 25 e o domingo 27 de setembro, a localidade acollerá actuacións de Luar na Lubre, La Banda de Ayer e das orquestras Finisterre, Olympus e Miramar, ademais das tradicionais misas, polbeiras, fogos de artificio e postos de venda.
Un dos principais atractivos da programación será o concerto de Luar na Lubre, que presentará o espectáculo ‘Lubre 40 aniversario’ o domingo 27 de setembro, entre as 20:00 e as 22:00 horas, no espazo habilitado para os concertos. O grupo coruñés, fundado en 1986 e considerado unha das formacións de folk galego con maior repercusión en Europa e Latinoamérica, celebra así catro décadas de traxectoria.
Ao longo destes 40 anos, Luar na Lubre publicou 20 discos, dos que vendeu máis de 350.000 exemplares, e ofreceu máis de 2.500 concertos en máis de 60 países. A súa carreira está avalada, entre outros recoñecementos, por dous Discos de Ouro, nove Premios da Música e a Medalla Castelao 2025 pola súa traxectoria na promoción da cultura galega. A formación tomará o relevo de Xosé Manuel Budiño, protagonista musical da edición de 2025 coa súa xira ‘Branca vela’.
A programación musical comezará xa o venres 25 de setembro, cando a praza do Concello acolla ás 18:30 horas a actuación das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión. Ás 19:30 horas será a quenda da artista local Ruth Cundíns e, ás 21:00 horas, chegará a gran verbena coas orquestras Finisterre Proyect e Olympus.
O sábado 26, día das Vésperas, a festa comezará ás 10:00 horas cun pasarrúas da Charanga Os Celtas. Ao mediodía actuará o Grupo de Gaitas Devagarinho e ás 14:00 horas terá lugar a sesión vermú coa Orquestra Suavecito. Pola noite, a partir das 22:00 horas, a verbena correrá a cargo de Suavecito e de La Banda de Ayer, formación especializada en música pop rock dos anos 80, 90 e 2000.
O domingo 27, Día de Santa Minia, abrirá a xornada o grupo de gaitas O Pichel, seguido dun pasarrúas da Charanga Os Celtas e da sesión vermú coa Orquestra Miramar. Pola tarde actuará a agrupación musical tradicional Tíralle do aire e, ás 18:00 horas, a Banda de Música Municipal de Brión ofrecerá un concerto na praza do Concello. Despois da actuación de Luar na Lubre, a Orquestra Miramar será a encargada de pechar a edición de 2026.
A programación inclúe tamén unha nova edición do Festival Monecadas, que este ano se trasladará da praza do Concello ao centro social polivalente para facilitar o desfrute do público. O festival comezará o venres 25 ás 17:30 horas con Trécola Teatro de Marionetas e ‘As aventuras de Pituquiño’. O sábado será a quenda da portuguesa Compañía Heliodora con ‘Barbacena’, mentres que o domingo actuará a compañía galega Fantoches Baj con ‘Novos lobos’. Todas as sesións serán de entrada libre e gratuíta.
Outra das novidades desta edición é o cartel da Romaría, realizado polo artista José Luís Veiras Manteiga, que toma o relevo do seu amigo Xosé Vizoso, encargado de ilustrar a celebración desde 2010. Vizoso faleceu en 2025 e o Concello de Brión recuperou para a edición dese ano, coa autorización da súa familia, unha ilustración realizada en 2006 como última homenaxe ao artista.
Veiras Manteiga, nado en Compostela en 1949, asegurou sentirse “moi honrado” por asumir este relevo e explicou que optou por un estilo semellante ao empregado nos seus carteis de jazz, cun primeiro plano no que aparecen músicos, gaiteiros e persoas bailando e, ao fondo, un elemento identificativo da localidade, neste caso a capela de Santa Minia.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, animou o artista a visitar a romaría, especialmente neste ano no que o Día Grande coincide en domingo e no que a celebración se estrea como Festa de Interese Turístico de Galicia. O Concello agarda unha elevada afluencia de romeiros procedentes de distintos puntos de Galicia e xa iniciou os traballos para acondicionar as zonas de aparcamento gratuíto situadas nas inmediacións do santuario.
A celebración manterá tamén os seus elementos máis tradicionais. Na avenida de Santa Minia instalaranse desde a tarde do venres entre 100 e 150 postos e casetas con rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, doces, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas ou xeados, entre outros produtos. Pola súa banda, as polbeiras situaranse xunto á carballeira e prevese que sirvan máis de 5.000 quilos de polbo, ademais de grandes cantidades de churrasco e outros produtos.
A tradicional queima da fachada volverá ser substituída por un espectáculo de luz e son mediante vídeo mapping, que recreará unha queima virtual e contará distintas historias antes da tradicional tirada de fogos de artificio, prevista para a medianoite do sábado.
A Romaría contará ademais co Punto Lila, que estará operativo durante os tres días na finca onde se desenvolverán os concertos, na contorna da carballeira e xunto á finca das polbeiras. O espazo ofrecerá atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que sufrisen unha agresión e desenvolverá tamén labores de sensibilización para promover unhas festas libres de violencia.
No apartado relixioso, a Novena de Santa Minia comezará o xoves 17 de setembro, con misas ás 10:00 e ás 20:00 horas todos os días ata o día 25. O domingo 20 haberá celebracións ás 10:00, 12:00 e 20:00 horas. Na véspera, o sábado 26, haberá misas pola mañá ás 10:00, 11:00, 12:00 e 13:00 horas e pola tarde ás 17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. O domingo 27, Día de Santa Minia, a misa solemne terá lugar ás 13:00 horas, mentres que o resto dos oficios se celebrarán ás 9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas pola mañá e ás 17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas pola tarde.