Luar na Lubre ofrecerá un concerto en As Neves este domingo

As Neves acollerá o próximo 12 de xullo un concerto de Luar na Lubre enmarcado na nova edición de +Música, o programa da Deputación destinado a apoiar a programación cultural nos concellos da provincia de Pontevedra con menos de 50.000 habitantes e a difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas.
A actuación celebrarase na praza Maior ás 22:30 horas e permitirá ao público achegarse ao repertorio dunha formación que leva corenta anos interpretando, desenvolvendo e divulgando a música e a cultura de Galicia.
Luar na Lubre basea o seu repertorio na música de raíz, abordada desde o respecto pola tradición pero cunha perspectiva de modernidade. Ao longo da súa traxectoria publicou 20 traballos discográficos, vendeu máis de 350.000 exemplares, recibiu dous discos de ouro e nove premios da música. O pasado ano foi recoñecida coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia.
No concerto de As Neves, a formación repasará os fitos da súa discografía e presentará novas pezas creadas para celebrar o seu corenta aniversario.
O espectáculo forma parte das 93 actuacións financiadas a través do programa +Música, que se desenvolven entre os meses de maio e decembro en 58 concellos da provincia de Pontevedra con menos de 50.000 habitantes.
O programa conta cun orzamento de 700.000 euros, destinado a cubrir os custos de caché dos espectáculos e impulsar a programación cultural nos municipios da provincia. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola organización de actividades culturais de calidade por todo o territorio provincial.