Lucía Pérez actuará este mércores na Cañiza

A Cañiza acollerá este mércores 12 de agosto un concerto de Lucía Pérez incluído na nova edición de +Música, o programa da Deputación de Pontevedra destinado a colaborar cos concellos de menos de 50.000 habitantes na programación cultural e a contribuír á difusión e promoción da lingua e da cultura galegas.
A actuación da cantante lucense comezará ás 22.30 horas na Praza Maior da Cañiza e estará integrada na programación musical da 60ª edición da Festa-Feira do Xamón da Cañiza.
Lucía Pérez atópase actualmente inmersa nunha xira coa que conmemora os seus 20 anos sobre os escenarios. O espectáculo combina música, iluminación, danza e emocións, cunha proposta deseñada para ofrecer unha experiencia que implique diferentes sentidos.
A xira de 2026 incorpora novos ritmos e melodías que dan lugar a cancións de carácter vitalista. O repertorio tamén inclúe un percorrido polos principais éxitos dos sete discos publicados pola artista, xunto con diferentes pezas populares do folclore galego.
A actuación da Cañiza será unha das 93 incluídas este ano no programa +Música. As propostas desenvolveranse entre os meses de maio e decembro en 58 concellos da provincia de Pontevedra con menos de 50.000 habitantes.
O programa conta cun orzamento de 700.000 euros, destinado pola Deputación de Pontevedra a asumir os custos dos cachés dos espectáculos. A iniciativa pretende ademais reforzar a proxección da provincia como destino cultural.
A través de +Música, o organismo provincial aposta por levar programación cultural a diferentes puntos da provincia e por descentralizar a oferta, facilitando o acceso a espectáculos culturais de calidade nos concellos de menor poboación.