Lucía Veiga e Luz Casal inauguran unhas Festas de María Pita que enchen a praza da Coruña

A actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual pronunciou o pregón, mentres que a cantante galega abriu o ciclo das Noites de María Pita cun multitudinario concerto
pregon-festas-maria-pita-A-Coruña-26
2 Aug 2026

A Coruña deu este sábado o inicio oficial ás Festas de María Pita 2026 cunha praza ateigada de público para asistir ao pregón de Lucía Veiga e ao concerto de Luz Casal. A actriz, humorista e presidenta da Academia Galega do Audiovisual foi a encargada de abrir un mes de actividades culturais e festivas que se desenvolverán por toda a cidade durante agosto.

A alcaldesa, Inés Rey, presentou á pregoeira desde o balcón principal do Palacio Municipal e destacou o carácter creativo, aberto e festivo da cidade. Durante a súa intervención, puxo en valor o papel de referentes femininas como María Pita, Emilia Pardo Bazán, Luísa Villalta e a propia Lucía Veiga, ademais de subliñar a importancia da programación prevista para as próximas semanas.

No seu discurso, Lucía Veiga reivindicou o sentimento de pertenza á Coruña máis aló do lugar de nacemento e definiu a identidade coruñesa como unha cuestión de elección e de vínculo emocional coa cidade. A actriz mesmo acuñou o termo CTA, “coruñés ou coruñesa de toda a alma”, para referirse a quen fan da Coruña o seu fogar. Tamén destacou o carácter acolledor, resiliente e dinámico da cidade e defendeu a cultura como un elemento esencial para a sociedade.

A pregoeira aproveitou igualmente para render homenaxe ás mulleres que contribuíron a construír a historia da Coruña, lembrando figuras como María Pita, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, María Casares ou Juana de Vega. O seu pregón rematou cun chamamento á cidadanía para vivir intensamente as celebracións e participar nas actividades programadas.

Tras o acto institucional, a praza de María Pita converteuse no escenario do primeiro gran concerto das festas coa actuación de Luz Casal. A artista galega presentou o espectáculo Me voy a permitir, no que combina novos sons co repertorio que a converteu nunha das voces máis recoñecidas da música española. O recital abriu o programa das Noites de María Pita, que ao longo do mes contará con artistas galegos, estatais e internacionais.

A programación continuará este domingo coa actuación de Mercedes Peón, que levará á praza de María Pita o seu espectáculo Ingrávida. A compositora, vocalista e multiinstrumentista ofrecerá a partir das 22.00 horas unha proposta que mestura música tradicional, electrónica e experimentación sonora, reafirmando o seu papel como unha das creadoras máis destacadas da escena galega contemporánea.

0.36890816688538