Lugo abre o novo curso político coa mirada nas eleccións de 2027

O Goberno do Partido Popular afronta os seus primeiros meses completos na Alcaldía mentres PSOE e BNG intensifican a oposición
casa-consistorial-Concello-Lugo
9 Sep 2026

Setembro trae consigo o regreso ás aulas, aos horarios e á actividade habitual da cidade, pero tamén marca en Lugo o inicio dun novo curso político que estará inevitablemente condicionado polas eleccións municipais do 27 de maio de 2027. Quedan nove meses para que os lucenses volvan ás urnas e, nesta ocasión, o punto de partida é especialmente singular: a cidade encara esta recta final de mandato cun Goberno que apenas leva catro meses na Alcaldía e cunha oposición que intenta recuperar o espazo político perdido tras a moción de censura de maio.

CAMBIO DE GOBERNO

O cambio de Goberno produciuse o 7 de maio de 2026, cando o Partido Popular conseguiu sacar adiante a moción de censura contra o Executivo formado polo PSOE e o BNG. A iniciativa contou con 13 votos a favor e 12 en contra e tivo como elemento determinante o apoio de María Reigosa, ata entón concelleira socialista, que abandonara a militancia do PSOE e pasara a ser non adscrita. O seu voto permitiu a Elena Candia facerse coa Alcaldía de Lugo.

A operación puxo fin ao Goberno encabezado polo socialista Miguel Fernández, con Rubén Arroxo como tenente de alcalde, e devolveu o Partido Popular ao poder municipal 27 anos despois. Pero a chegada de Candia non se produciu nun escenario político tranquilo. Nos días previos á moción, unha parte da sociedade lucense mobilizouse fronte á Casa Consistorial a través da plataforma “Transfuguismo non, democracia si”, que denunciou o cambio de Goberno e o papel desempeñado pola concelleira non adscrita.

Catro meses despois, aquela batalla continúa formando parte do discurso da oposición, pero o escenario político comeza a cambiar. Xa non abonda con discutir como chegou Elena Candia á Alcaldía. O que estará cada vez máis en xogo será que fixo desde entón e que valoración fai a cidadanía da súa xestión. Ese será precisamente o principal exame dos próximos nove meses.

O novo Goberno presentou ao chegar á Alcaldía un plan de acción con preto de 50 medidas para executar nun ano, cunha mensaxe centrada na recuperación do “orgullo de cidade” e nun modelo de xestión orientado ás persoas. Pero o calendario electoral fai que ese prazo sexa especialmente esixente.

MESES PARA AS ELECCIÓNS

Candia non ten por diante un mandato completo para construír a súa alternativa política. Dispón de apenas uns meses para demostrar que o cambio de Goberno pode traducirse en actuacións concretas e para conseguir que o debate municipal deixe de estar centrado exclusivamente na moción de censura.

A oposición tamén afronta un reto. PSOE e BNG deberán manter a presión sobre o Executivo, pero ao mesmo tempo construír unha alternativa electoral propia. E nesa carreira xa non hai grandes incógnitas sobre os protagonistas.

Os tres principais partidos teñen confirmados os seus candidatos. Elena Candia será a cabeza de lista do Partido Popular; Miguel Fernández será o alcaldable polo PSOE; e Rubén Arroxo será o candidato do BNG.

Tres nomes coñecidos pola cidadanía e tres posicións políticas diferentes diante dunha mesma partida. Candia necesita consolidar o Goberno que acaba de asumir, Fernández pretende recuperar a Alcaldía e Arroxo buscará manter e ampliar o espazo electoral do nacionalismo.

CONFRONTACIÓNS

Un dos terreos nos que se produciu o choque entre o novo Goberno e a oposición foi a situación das facturas pendentes. O BNG denunciou a existencia de máis de 2,7 millóns de euros en facturas sen pagar a autónomos e pequenos empresarios da cidade e asegurou que 542 provedores estarían afectados.

Rubén Arroxo afirmou que durante os primeiros meses do actual Executivo non se levou “ni unha soa factura ao pleno”, pese a que, segundo a formación nacionalista, os expedientes administrativos xa estarían finalizados. O BNG considera que existen centos de facturas que levan meses á espera de aprobación e que esta situación está provocando dificultades entre os provedores. Para Arroxo, trátase dunha situación “inédita” que responde a unha decisión política do Goberno municipal.

Ás facturas pendentes denunciadas polo BNG súmanse as críticas socialistas pola situación da brigada municipal contra incendios forestais, que, segundo Ana González Abelleira, continúa sen estar oficialmente constituída a finais de agosto. A portavoz do PSOE cuestionou tamén a fórmula empregada para cubrir a súa xefatura mediante a adscrición temporal dun funcionario, que cualificou de “auténtica chapuza”.
As infraestruturas son outro dos grandes campos de confrontación. O PSOE reclama ao Goberno de Elena Candia a apertura da rúa Conde Fontao, fronte á nova estación Intermodal, ao considerar que a vía xa está en condicións de asumir o tráfico e acusar ao Executivo de utilizar o convenio con Adif para demorar a súa posta en servizo.

O BNG, pola súa banda, puxo o foco no polígono do Ceao, onde Rubén Arroxo e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, reclamaron avanzar na renovación da rotonda de Benigno Rivera con Infanta Elena e nos tramos da avenida que conectan coa N-VI e coa A-6.

O SAN FROILÁN

A cultura tamén está sendo utilizada como espello para comparar as dúas etapas de Goberno. O BNG considera que a actividade cultural diminuíu desde a chegada do PP e puxo, entre outros exemplos, a falta de información sobre o Lugomáxico. O Goberno municipal rexeita esa interpretación.

A discusión terá un dos seus principais escenarios no San Froilán. Durante os anos nos que o BNG estivo á fronte da área de Cultura, o Partido Popular criticou en numerosas ocasións a organización das festas. Este ano, con todo, despois da comisión do San Froilán, o Concello anunciou que incorporaría arredor do 90 % das propostas realizadas polo propio BNG. A decisión fixo cuestionar a coherencia do discurso popular e introducir unha comparación entre o que o PP defendía desde a oposición e as decisións que adopta agora desde o Goberno.

ÁMBITO SOCIAL

No ámbito social, o conflito arredor do local das Palmeras é outro dos asuntos que permanecen sobre a mesa tras o cambio de Goberno. Rubén Arroxo defende que durante a súa etapa se decretara o peche do establecemento durante doce meses, o máximo permitido pola lei polas infraccións existentes nese momento, e que posteriormente se traballara cos técnicos municipais para buscar novas vías de actuación.

Segundo o portavoz nacionalista, en abril estaba preparada unha nova ordenanza de contaminación acústica que podía facilitar a actuación sobre este e outros locais e que quedou pendente de levar ao pleno tras o cambio de Goberno.

“Uns días despois veu a operación de transfuguismo e o golpe de estado municipal. A ordenanza quedou feita, pero por que a señora Candia non a quere levar a pleno?”, cuestionou Arroxo.
Así, a oposición reivindica proxectos iniciados durante a súa etapa de Goberno, mentres o actual Executivo terá que decidir que elementos da xestión anterior incorpora e cales modifica ou deixa atrás.

A CONTA ATRÁS: NOVE MESES

A pesar de que aínda faltan nove meses para as eleccións municipais, a carreira electoral en Lugo xa comezou. Elena Candia ten por diante este período para consolidar o Goberno do PP e conseguir que a súa etapa na Alcaldía sexa valorada polo que faga desde que asumiu o cargo e non só pola moción de censura que a levou ao poder. Miguel Fernández regresará como candidato do PSOE coa intención de aproveitar o posible desgaste do actual Executivo, reivindicar a súa anterior etapa á fronte do Concello e recuperar a confianza necesaria para volver gobernar. Para o BNG, o seu labor de oposición terá que servir para marcar perfil propio e poñer en valor a experiencia acumulada durante os anos no Executivo.

Os tres afrontan unha carreira na que a capacidade para mobilizar os seus electorados e o comportamento do voto progresista poden volver ser determinantes. Así, o Goberno de Candia terá nove meses para demostrar resultados e os grupos da oposición o mesmo tempo para desgastalo e presentar unha alternativa.

Durante este período, os problemas arrastrados de anos anteriores deixarán de ser cuestións exclusivamente administrativas para converterse en argumentos políticos. Sobre eles, construirase parte do debate sobre o modelo de Concello que queren os lucenses e sobre quen consideran máis preparado para xestionalo.

A gran incógnita será, precisamente, que pese máis nas urnas. Se a cidadanía percibe a Elena Candia como unha alcaldesa que aproveitou estes meses para poñer proxectos en marcha e resolver cuestións pendentes, ou se o modo no que chegou á Alcaldía, a través da moción de censura e co papel determinante do transfuguismo, continúa marcando a súa valoración.

Miguel Fernández terá que facer algo máis que capitalizar o descontento co actual Goberno: deberá convencer aos electores de que queren volver confiar nel. Arroxo, pola súa banda, buscará que o BNG manteña o seu propio espazo.

Quedan nove meses de decisións, acertos e erros nos que o taboleiro pode cambiar. As urnas decidirán quen o fará a partir de maio de 2027.

0.48572206497192