Lugo acolle a TECH CREATIVE JAM, un encontro de innovación tecnolóxica para a mocidade no rural

O Albergue Lug 2 de Lugo converterase esta fin de semana nun espazo de experimentación e creatividade coa celebración da TECH CREATIVE JAM 2026, un encontro dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos interesados en explorar as posibilidades das novas tecnoloxías e desenvolver ideas con aplicación no medio rural.
A actividade, organizada por VIDA LÁCTEA, terá lugar este sábado 14 e domingo 15 de novembro e forma parte do proxecto europeo LIRES, que promove a participación da mocidade e a creación de oportunidades nos territorios rurais.
A programación combinará fabricación dixital, creación audiovisual, ferramentas interactivas e emprendemento a través de diferentes obradoiros prácticos. Entre as propostas figuran actividades de corte láser, desenvolvemento de videoxogos coa ferramenta Godot, deseño de mascotas virtuais, sublimación téxtil, elaboración de prototipos electrónicos con intelixencia artificial e deseño 3D mediante Onshape. Tamén haberá unha sesión centrada no marketing para aprender a presentar e comunicar unha idea e explorar as súas posibilidades de comercialización.
A primeira xornada estará dedicada a coñecer as ferramentas e experimentar coas distintas tecnoloxías, mentres que o domingo os participantes traballarán en equipo para desenvolver as súas propias propostas. Os proxectos elaborados presentaranse ao final do encontro ante un xurado, que valorará aspectos como a creatividade, a innovación e o grao de desenvolvemento das iniciativas. Os equipos gañadores recibirán premios tecnolóxicos.
A TECH CREATIVE JAM pretende achegar a innovación á mocidade desde unha perspectiva práctica e participativa, ofrecendo un espazo para adquirir competencias dixitais, intercambiar coñecementos e fomentar o traballo colaborativo. A organización busca tamén poñer de manifesto que o medio rural pode ser un escenario para a experimentación e o desenvolvemento tecnolóxico, así como para impulsar novas iniciativas emprendedoras.
As persoas interesadas en participar, sempre que teñan entre 18 e 30 anos, poden inscribirse ata completar as prazas dispoñibles, que son limitadas. O encontro desenvólvese no marco do proxecto europeo LIRES, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.