Lugo acolle a terceira edición do Foro da La para reivindicar o valor deste recurso gandeiro

A cita, organizada por Ovica, desenvolverase os días 14 e 15 de novembro no soto da Praza de Abastos con exposicións, obradoiros, proxectos, documentais e actividades culturais
Presentación-Foro-da-La-Ovica-Lugo
6 Nov 2026

O soto da Praza de Abastos de Lugo converterase os días 14 e 15 de novembro nun espazo dedicado á la e ás súas posibilidades de aproveitamento coa celebración do III Foro da La de Galicia. A iniciativa, promovida pola Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), busca dar visibilidade á situación deste recurso procedente das explotacións ovinas e reivindicar o seu valor como materia prima, tanto nos usos tradicionais como en novas aplicacións.

O encontro reunirá diferentes propostas relacionadas co mundo da la, cun programa que combinará divulgación, exposición e actividades prácticas. Entre os contidos previstos figuran unha mostra e venda de iniciativas vinculadas a este material, proxeccións de documentais sobre a temática e a actividade gandeira, así como presentacións de proxectos laneiros.

A programación completarase con obradoiros nos que a la será a protagonista e con propostas musicais e teatrais para favorecer tamén a participación e o encontro entre os asistentes.

Ovica leva varios anos traballando para impulsar o aproveitamento deste recurso por diferentes vías. Entre as súas actuacións figura o contacto con cooperativas e lavadeiros de fóra de Galicia, a promoción de iniciativas de investigación orientadas a descubrir novos usos e a creación dun grupo de traballo a nivel galego arredor da la.

A asociación considera que un dos principais retos continúa a ser mellorar o coñecemento e a sensibilización da sociedade sobre as posibilidades deste material. Por iso, o foro pretende achegar á cidadanía o traballo que se está a desenvolver e contribuír a que a la sexa recoñecida como unha materia prima con valor e potencial.

O evento poderá visitarse o sábado 14 de novembro en horario de 11.00 a 20.00 horas e o domingo 15 de 11.00 a 14.00 horas, no soto da Praza de Abastos de Lugo.

0.39096903800964