Lugo acolle unha charla sobre os retos da dixitalización na Unión Europea

O profesor Celso Cancela Outeda analizará o impacto da transformación dixital na sociedade e nos mercados europeos
Celso-Cancela-Outeda
21 May 2026

A Asociación Estudantado Cuarto Ciclo Campus de Lugo-USC organiza este venres 22 de maio unha charla baixo o título “Dixitalización na UE. Perspectiva da Sociedade Civil”, que terá lugar ás 11:00 horas na Casa do Saber de Lugo, no edificio do Vicerreitorado.

A conferencia será impartida por Celso Cancela Outeda, profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade de Vigo e responsábel da Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens: Adapting the EU to the Digitalisation Challenges (EICAEUD), concedida pola Comisión Europea.

Durante a sesión abordaranse diferentes cuestións relacionadas coa transformación dixital no ámbito europeo, entre elas a transición dixital da Unión Europea a través da investigación e do desenvolvemento de métodos de análise innovadores, así como os efectos que a dixitalización está a provocar nos mercados e na sociedade.

Desde a organización destacan que o encontro busca achegar á cidadanía unha visión máis ampla sobre os desafíos e oportunidades que implica o proceso de dixitalización no contexto europeo.

Ademais da súa actividade docente e investigadora, Celso Cancela Outeda participa tamén no Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo, onde imparte a materia “Europa: significado, historia e cultura”.

0.34690499305725