Lugo acollerá a quinta edición do Festival de poesía As Lupercais

O evento reunir á voces de poetas de Galicia, España e Portugal durante os días 27 e 28 de febreiro
festival-lugo-lupercais
24 Feb 2026

O Festival de poesía As Lupercais celebrará a súa quinta edición en Lugo durante os días 27 e 28 de febreiro, consolidándose como unha cita de referencia no panorama literario galego. A iniciativa está organizada pola Asociación Lupercais e busca combinar lecturas, homenaxes e propostas performativas para achegar a poesía á cidade e ao público asistente.

A inauguración terá lugar o venres 27, ás 19:30 horas, no Vello Cárcere, coa lectura de Ana Gorría do seu libro Nostalgia de la Acción, unha obra que incorpora ilustracións de Marta Azparren e que se inspira na filmografía da directora ucraína Maya Deren. A presentación do acto correrá a cargo de Miguel Blanco Hortas, e durante a lectura proxectaranse imaxes relacionadas coa obra de Deren, creando unha experiencia multidisciplinar que mestura palabra e imaxe.

O sábado 28 comezará pola mañá, ás 12:30 horas, cunha homenaxe ao poeta lugués Luís Pimentel. A homenaxe terá forma de paseo que se iniciará na estatua do autor de Sombra do aire na herba, situada na Praza Maior, e durante o percorrido realizaranse lecturas a cargo de membros das Lupercais e poetas amigas convidadas. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao Vello Cárcere.

Pola tarde, as lecturas retomaranse no Vello Cárcere, cun mosaico de voces formado por oito poetas convidadas. Ás 18:00 horas intervirán Manuel Vázquez, Almudena Otero Villena, Jorge Teixeira e Simón Rodríguez. Para pechar a xornada, ás 19:30 horas, tomarán a palabra Xosé Miranda, Marcos Canteli e Helena Salgueiro, finalizando cunha proposta performativa de Lola Nieto.

A quinta edición do festival busca reunir algunhas das voces máis destacadas de Lugo con poetas procedentes doutras rexións de España, así como de América, Madrid, Cataluña, Asturies e Portugal, favorecendo un intercambio cultural amplo e diverso. Co obxectivo de consolidarse como un punto de encontro entre participantes e público, As Lupercais continúa fortalecendo a súa presenza no panorama literario galego como unha cita imprescindible para amantes da poesía.

0.33785891532898