Lugo acollerá unha mesa redonda para desmontar os prexuízos sobre a saúde mental

O Comité de Ética Asistencial da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos organizará o vindeiro mércores 4 de novembro a mesa redonda "Saúde mental: desmontando tópicos clínicos e asistenciais", unha iniciativa que busca promover o debate sobre os prexuízos, estereotipos e estigmas que aínda persisten arredor dos trastornos mentais.
A sesión desenvolverase entre as 17.00 e as 19.00 horas no auditorio da Deputación de Lugo e abordará esta realidade desde perspectivas clínicas, éticas e sociais. Para iso, contará coa participación de profesionais sanitarios, persoas con experiencia propia en saúde mental e representantes de organizacións vinculadas a este ámbito.
Baixo o lema "Máis que diagnósticos, persoas", a xornada pretende contribuír a superar as visións estereotipadas, favorecer unha maior comprensión das persoas con problemas de saúde mental e impulsar unha atención sanitaria baseada no respecto, na dignidade e na resposta integral ás necesidades individuais.
A mesa estará moderada por Rubén Molano Zárate, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e presidente do Comité de Ética Asistencial da área sanitaria. Entre os relatores figuran Miguel Vieito Villar, avogado e investigador en Dereito Sanitario e Bioética, ademais de vogal do comité; Delia Guitián Rodríguez, psicóloga clínica no Hospital de Día Infanto-Xuvenil do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e integrante do movemento galego da saúde mental; e Mª Candelaria Fraga González, enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria e tamén vogal do comité.
O panel completarase con Paula Tomé Espiñeira, docente e activista do Movemento Galego da Saúde Mental, e Manuel Fernández Prado, presidente de ALUME Saúde Mental de Lugo.
A presenza de profesionais de distintas disciplinas e de persoas directamente vinculadas á saúde mental permitirá analizar os tópicos clínicos e asistenciais desde diferentes puntos de vista. Un dos obxectivos será destacar a importancia de escoitar as persoas afectadas e evitar que un diagnóstico determine a percepción das súas capacidades, necesidades e dereitos.
Con esta proposta, o Comité de Ética Asistencial busca crear un espazo de diálogo e reflexión compartida que axude a cuestionar os estigmas asociados á saúde mental e avanzar cara a unha atención máis próxima, humana, inclusiva e respectuosa.
A asistencia á mesa redonda será libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa.