Lugo dará un ano de adaptación antes de aplicar as restricións da Zona de Baixas Emisións

O Concello de Lugo implantará un período de adaptación dun ano antes de aplicar de forma efectiva as restricións previstas na Zona de Baixas Emisións (ZBE). A medida, que se incorporará á ordenanza reguladora que o goberno local someterá á aprobación do pleno ordinario deste mes de xullo, busca facilitar que a cidadanía se familiarice co novo sistema antes da súa entrada en vigor definitiva.
Durante ese ano, o Concello centrará os seus esforzos en informar a veciños e visitantes sobre o funcionamento da ZBE, sen aplicar as limitacións de acceso que contempla a normativa. O obxectivo é favorecer unha transición progresiva cara ao novo modelo de mobilidade, ao tempo que se cumpre coa lexislación europea, que obriga ás cidades de máis de 50.000 habitantes a contar cunha Zona de Baixas Emisións antes do 30 de setembro deste ano.
A alcaldesa, Elena Candia, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Mar Carballas, supervisaron esta semana a evolución dos traballos de instalación do sistema de control da ZBE nun encontro co director de TEVA S.L., empresa encargada da actuación. Segundo trasladou a adxudicataria, os traballos avanzan segundo o calendario previsto e a instalación estará rematada a finais de agosto, de maneira que toda a infraestrutura estea operativa antes do prazo límite fixado para finais de setembro.
O proxecto supón un investimento de 703.822 euros e inclúe a instalación de cámaras de lectura de matrículas, sensores, paneis informativos dinámicos, servidores e outros equipos tecnolóxicos, ademais do software encargado de xestionar e monitorizar toda a información recollida polos dispositivos.
Desde o goberno local destacan que esta infraestrutura é imprescindible para a posta en marcha da Zona de Baixas Emisións e insisten en que a ordenanza pretende compatibilizar os obxectivos ambientais coa actividade diaria da cidade, apostando por unha implantación progresiva que facilite a adaptación tanto da veciñanza como dos visitantes.