Lugo e Astorga estreitan a súa colaboración cultural a través do cine

Lugo e Astorga deron un novo paso na súa colaboración cultural coa continuidade do irmandamento entre a Semana de Cine de Lugo e o Festival de Cine de Astorga. O encontro celebrouse na cidade leonesa e serviu para reafirmar os lazos entre dous municipios que, ademais da súa relación a través do audiovisual, comparten unha orixe vinculada ao pasado romano.
No acto participaron o concelleiro de Turismo e Museos de Lugo, Agustín Gallego; o alcalde de Astorga, José Luis Nieto; o responsable de Cultura da localidade leonesa e director do festival, Tomás Valle, así como representantes da Semana de Cine de Lugo e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.
Durante a xornada, Gallego lembrou a conexión histórica entre Lucus Augusti e Asturica Augusta a través da Vía XIX e estableceu un paralelismo coa actual relación entre ambas as cidades: "Hoxe ese camiño é o cine". O edil tamén destacou a relación entre cultura e patrimonio e a traxectoria dos dous eventos, cun percorrido que comezou en 1979 no caso da Semana de Cine de Lugo e en 1998 no do festival astorgano.
"Este irmandamento une dous certames, pero tamén dúas cidades con moito que compartir", sinalou Gallego, que defendeu a continuidade desta relación para impulsar novas iniciativas conxuntas.
A programación do encontro incluíu unha recepción institucional no Concello de Astorga, a lectura e sinatura do documento de irmandamento e o descubrimento dunha placa no Teatro Gullón dedicada á Semana de Cine de Lugo. Estes actos simbolizan a vontade de manter a colaboración entre os dous festivais e reforzar os vínculos culturais entre as dúas localidades.