Lugo e Astorga estreitan lazos a través do cinema co irmandamento das súas semanas de cine

A Semana de Cine de Lugo e o Festival de Cine de Astorga formalizaron este martes o seu irmandamento nunha xornada que combinou actos institucionais, memoria histórica e actividade cinematográfica, no marco da 48ª edición do certame lucense. A iniciativa abre unha nova vía de colaboración entre dous festivais de longa traxectoria e entre dúas cidades bimilenarias unidas pola súa herdanza romana.
O acto institucional, celebrado no Concello de Lugo, contou coa participación da alcaldesa, Elena Candia; a concelleira de Facenda de Astorga, Laura Torralba García; o presidente do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz Ramil; o director do Festival de Cine de Astorga, Tomás Valle; Manuel Curiel, en representación da Semana de Cine de Lugo; o membro do xurado José Luis González e o secretario do Grupo Fonmiñá, Antonio Giz.
Durante o encontro, Xulio Xiz Ramil reivindicou a capacidade do cinema para reflectir a realidade e sinalou que «todo está no cine, por iso o cine ten que atender a todo o que acontece ao seu redor». Pola súa banda, Tomás Valle definiu o cinema como «un espazo de cultura, encontro e intercambio», mentres que Laura Torralba puxo en valor a capacidade das dúas cidades para establecer novos vínculos e destacou que «o cine mantén viva a cultura, achega territorios, crea complicidades e constrúe relacións duradeiras».

Antonio Giz foi o encargado de dar lectura ao protocolo de irmandamento, que posteriormente foi asinado para formalizar a relación entre os dous certames. A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, pechou o acto expresando a súa satisfacción por unha colaboración que, segundo sinalou, «abre unha páxina de ouro na historia da Semana de Cine». «Hoxe celebramos o entendemento entre cidades que apostan pola cultura como un espazo de crecemento e oportunidades», engadiu.
O vínculo entre Lugo e Astorga ten tamén unha base histórica, xa que Lucus Augusti e Asturica Augusta estiveron comunicadas pola Vía XIX, que continuaba desde Lugo ata Bracara Augusta, a actual Braga. A colaboración entre os dous festivais nace coa intención de compartir experiencias, desenvolver iniciativas conxuntas e abrir novas vías de cooperación no ámbito cinematográfico.
A xornada continuou pola tarde no Paseo do Cine, situado na antiga factoría de Frigsa, onde se descubriu unha placa dedicada ao Festival de Cine de Astorga. No acto participou tamén a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, que destacou que a nova placa recoñece «un referente entre os certames cinematográficos» e unha «vocación compartida: facer do cinema un punto de encontro para a cultura, a creación e a memoria».
O irmandamento terá continuidade o próximo 23 de outubro en Astorga, onde está previsto un novo acto no que se proxectará a película gañadora do certame lucense. A colaboración terá tamén continuidade en futuras edicións dos dous festivais.
A programación da Semana de Cine de Lugo incorporou ademais nesta xornada unha homenaxe ao Club Cultural Valle Inclán, que cumpre 60 anos de traxectoria. A deputada de Cultura, Iria Castro, entregou á presidenta da entidade, Tonina Gay, un agasallo en recoñecemento ao labor de difusión e creación cultural desenvolvido durante seis décadas, co cinema como primeiro piar.
Durante a homenaxe proxectouse Les parapluies de Cherbourg, de Jacques Demy, primeiro filme exhibido en Lugo polo Club Valle-Inclán. Iria Castro destacou a «valentía» do proxecto cultural, creado en 1966, en plena ditadura, así como a súa dedicación á defensa da cultura e da lingua galegas.

UNA DE ROMANOS
A Semana de Cine tamén iniciou na sede da Xunta a programación do ciclo Unha de romanos, coa inauguración da exposición Do Bimilenario de Lugo ao Arde Lucus e a primeira das súas proxeccións. O acto contou coa presenza de representantes das agrupacións vinculadas á festa de recreación histórica Arde Lucus.
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, felicitou o Grupo Fonmiñá polo traballo de organización e destacou que a Delegación Territorial e a Biblioteca Pública Provincial acollerán unha trintena de proxeccións durante o festival. Sobre o ciclo ‘Cine galego’, que tamén se desenvolve no Edificio Multiusos, sinalou que pon de manifesto «o dinamismo e a capacidade do sector audiovisual galego» e que dar protagonismo ao audiovisual galego é «unha das principais e máis valiosas funcións do festival».
Villares referiuse tamén ao ciclo ‘Cine español inédito’, que terá lugar na Biblioteca Pública Provincial, e destacou como unha das achegas da Semana de Cine a posibilidade de achegar a Lugo obras e autores que quedan fóra dos circuítos habituais de comercialización.
O Festival de Cine de Astorga, especializado en curtametraxes, naceu en 1998 a partir dunha mostra deste formato e celebrou este mes a súa 29ª edición. Nesta última convocatoria recibiu 640 curtametraxes, 40 delas procedentes de Portugal, primeiro país convidado da súa historia. Desde 2025 conta co recoñecemento da Academia de Cine como festival cualificador para os Premios Goya na categoría de curtametraxes.
O Paseo do Cine, que une a avenida da Coruña co Auditorio Gustavo Freire, principal espazo de proxección da Semana de Cine, contará este ano con outras dúas novas placas de homenaxe, dedicadas ás actrices lucenses Benedicta Sánchez e Cristina Castaño. Serán descubertas os días 23 e 26 de setembro, respectivamente, elevando a 18 o número total de placas deste espazo.