Lugo reúne aos mellores talentos matemáticos do Estado na final das Olimpíadas Matemáticas

Lugo acolle este venres a primeira xornada da final estatal das Olimpíadas Matemáticas, unha iniciativa organizada pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (Agapema) coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O evento reúne na cidade a estudantes destacados de diferentes puntos do Estado para competir nunha das citas educativas máis relevantes deste ámbito.
Na fase final participan 80 alumnos e alumnas con idades comprendidas entre os 14 e os 16 anos procedentes de centros educativos de todo o Estado, ademais de estudantes convidados de Tanxer e Rabat, en Marrocos. Todos eles conseguiron a súa clasificación tras superar nos últimos meses as correspondentes probas previas celebradas nos seus territorios.
A deputada de Cultura, Iria Castro, deu a benvida ao alumnado este mediodía nun acto celebrado no Pazo de San Marcos. A recepción incluíu tamén unha visita guiada á exposición Patróns de Beleza. Simetría na Arte, unha mostra formada por máis de 70 obras de arte dixital realizadas mediante impresión 3D que afondan na relación entre a creatividade artística e o pensamento matemático.
Durante a súa intervención, a responsable provincial destacou o apoio que a institución vén prestando nos últimos anos a Agapema mediante a colaboración na organización das fases clasificatorias, e sinalou que esta edición permite traer por primeira vez a Lugo a final estatal do certame. Segundo explicou, esta iniciativa contribúe a impulsar o interese polo estudo das Matemáticas e a poñer en valor o coñecemento e a cultura científica, ademais de reforzar a conexión da institución provincial coa comunidade educativa e o profesorado.
Iria Castro tamén agradeceu á organización o deseño dun programa complementario que permitirá ás persoas participantes coñecer diferentes aspectos do patrimonio e da cultura da provincia a través de actividades e visitas previstas para os momentos de lecer.
Antes da recepción institucional, os estudantes realizaron as probas individuais da Olimpíada na Facultade de Formación do Profesorado. A programación continuará mañá cun desprazamento a Mondoñedo para desenvolver as probas por equipos en distintos puntos do centro histórico. Xa pola tarde, de regreso ao Pazo de San Marcos, asistirán a unha conferencia impartida por Manuel Andrade Baliño sobre a eclipse total do próximo 12 de agosto. A xornada concluirá coa clausura oficial e a entrega de premios.