Lugo reúne esta fin de semana a centos de afeccionados aos xogos de estratexia na terceira edición de La Voz Open

Lugo convértese esta fin de semana nun punto de encontro para centos de afeccionados aos xogos de estratexia coa celebración da terceira edición de La Voz Open. O evento reúne nas instalacións do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a participantes e afeccionados deste sector, nunha cita que combina competición e comunidade arredor dos xogos de estratexia.
A cita está organizada pola empresa lucense Bandua Wargames en colaboración co podcast especializado La Voz de Horus, e chega á súa terceira edición consolidándose como un evento de referencia para os seguidores desta modalidade.
Un dos principais atractivos da convocatoria é a súa capacidade para atraer participantes de fóra da provincia. Segundo os datos facilitados pola organización, máis do 80% das persoas asistentes proceden de fóra de Lugo, polo que o evento tamén representa un importante movemento de visitantes durante esta fin de semana.
A presenza de participantes chegados doutras localidades contribúe ademais á actividade económica e turística da cidade e da provincia, ao xerar movemento en sectores como o aloxamento, a restauración e o comercio.
A terceira edición de La Voz Open pretende así consolidar Lugo como sede para grandes encontros vinculados aos xogos de estratexia e ampliar a proxección da cidade dentro deste sector. A dimensión alcanzada polo evento sitúao, segundo destacou Miguel Fernández, á altura doutras cidades que acollen competicións de relevancia internacional neste ámbito, como París, Portland ou Nova Jersey.
A inauguración contou coa participación do deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e do xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López.
A Deputación de Lugo apoia a celebración desta terceira edición cunha achega de 5.000 euros destinada á organización do evento. Durante a inauguración, Miguel Fernández felicitou a Bandua Wargames e a La Voz de Horus pola dimensión alcanzada pola cita e salientou a súa capacidade para situar Lugo como sede de referencia dos xogos de estratexia.