Lugo reúne esta semana expertos para debater sobre a transición enerxética e o futuro do territorio

As V Xornadas de Escoita á Ciencia e ao Territorio celebraranse os días 6 e 7 de novembro con sete mesas temáticas sobre eólica, macrocentros de datos, biogás e alternativas enerxéticas
Domus-Mitreo-Casa-do-Saber-USC-Lugo
5 Nov 2026

Lugo acollerá os días 6 e 7 de novembro as V Xornadas de Escoita á Ciencia e ao Territorio, un encontro que reunirá investigadores, científicos, xuristas e especialistas ambientais para analizar os efectos do actual modelo enerxético e debater sobre alternativas máis xustas e sostibles. Baixo o lema "Transición ecolóxica ou especulación enerxética? Fagamos as cousas ben", as sesións desenvolveranse no Salón de Actos da Casa do Saber.

A iniciativa está organizada pola Alianza Enerxía e Territorio (ALIENTE) e Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV), coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, Caixa Rural Galega e a Fundación Savia. O programa contará con especialistas de diferentes ámbitos, entre eles a avogada Dorinda Aventín Huguet, coñecida pola súa intervención no litixio contra a macroplanta fotovoltaica Núñez de Balboa; o biólogo e ornitólogo Maarten Platteeuw, experto nos efectos da eólica mariña no mar do Norte; e o oncólogo especializado en medicina ambiental Santos Martín Martínez. Tamén participarán profesionais vinculados a universidades, ao CSIC e ao Observatorio da Sustentabilidade.

As sete mesas temáticas abordarán cuestións como a expansión e repotenciación eólica en Galicia, a eólica mariña, os macrocentros de datos, o hidróxeno verde, as plantas de biogás e o extractivismo mineiro. Ademais, analizaranse alternativas como o autoconsumo, as comunidades enerxéticas, o decrecemento e a protección dos recursos naturais. O programa incluirá a proxección do documental "Quen contamina a Limia?", seguida dun coloquio con representantes de colectivos afectados pola contaminación ambiental nesta comarca.

Desde Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde destacan que o encontro pretende achegar á cidadanía coñecementos científicos, técnicos e xurídicos para comprender os conflitos ambientais que afectan a Galicia. As xornadas están abertas non só ao movemento ecoloxista, senón tamén a representantes institucionais, profesionais, estudantes, colectivos sociais e veciñanza interesada no futuro do territorio.

Coincidindo coas xornadas europeas de mobilización "Stop Dirty Data Centres", o sábado 7 de novembro, ás 11:30 horas, tamén está convocada unha concentración diante da Domus do Mitreo de Lugo. As persoas participantes reclamarán unha moratoria á expansión dos macrocentros de datos ata que se avalíen os seus efectos sobre o consumo de auga, a demanda enerxética e o territorio. As sesións poderán seguirse en liña e quedarán gravadas para a súa posterior difusión.

0.43514800071716