Lugo reunirá máis de 160 docentes no XXXIX Congreso de Ensinantes de Ciencias de Galicia

O IES Lucus Augusti de Lugo acollerá os días 12, 13 e 14 de novembro o XXXIX Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), unha cita anual que reunirá na cidade máis de 160 docentes procedentes de distintos centros educativos galegos. O encontro, que se celebra de maneira ininterrompida desde hai case catro décadas, ofrecerá un programa con 39 relatorios e obradoiros de diferentes disciplinas científicas.
As actividades abordarán cuestións relacionadas coa Física e a Química, a Bioloxía e a Xeoloxía, as Matemáticas e outras propostas interdisciplinares. A través delas, o profesorado poderá coñecer novas metodoloxías didácticas e proxectos de investigación desenvolvidos tanto por persoal investigador como por docentes de diferentes niveis educativos.
O programa inclúe tamén catro conferencias plenarias a cargo de especialistas de recoñecida traxectoria. Entre eles figura Marcos González, catedrático de Zooloxía e profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela; Héctor Salvador Fouz, enxeñeiro aeronáutico, primeiro español en descender á Fosa das Marianas e antigo alumno do IES Lucus Augusti; e Clara Grima Ruiz, profesora da Universidade de Sevilla e coñecida divulgadora matemática, que participou en diferentes medios e formatos, entre eles o programa de televisión 'Órbita Laika'.
A cuarta conferencia correrá a cargo de Luis Liz Marzán, catedrático a tempo parcial da Universidade de Vigo e profesor Ikerbasque no Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais (CIC biomaGUNE).
Ademais da actividade académica, o congreso permitirá aos asistentes coñecer o patrimonio histórico e cultural de Lugo, cunha visita á Domus do Mitreo e ao Museo Provincial. O programa inclúe tamén achegas a centros de referencia no ámbito da investigación e a innovación, como a Aula de Produtos Lácteos da Universidade e a empresa biotecnolóxica AMSLab.