Luis López amosa o apoio da Deputación, cunha achega de 460.000€, para impulsar programas de loita contra a violencia machista e fomento da igualdade na provincia

O presidente da Deputación subliña o compromiso coa igualdade e lembra que o prazo para solicitar as axudas está aberto ata o 27 de febreiro.
Luis Lopez
19 Feb 2025

A Guarda, 18 de febreiro do 2025. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou hoxe a colaboración entre as distintas administracións municipais e asociacións sen ánimo de lucro para loitar contra a violencia de xénero e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria. Durante a súa visita ao Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda, López estivo acompañado polo alcalde e deputado provincial Roberto Carrero e pola deputada de Igualdade, Sandra Bastos. O presidente lembrou que a Deputación destinará un total de 460.000 euros a través de dúas liñas de colaboración, para apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes e aos colectivos que traballan pola igualdade.

Apoio ás administracións locais e entidades sociais

A achega de 460.000 euros está dividida en dúas liñas de axudas: 260.000€ para os concellos con menos de 20.000 habitantes e 200.000€ para as asociacións e colectivos que promoven a igualdade de xénero. Estas subvencións, que poden chegar ata 6.000 euros para os concellos e 7.000 euros para as asociacións, teñen como obxectivo fomentar estratexias de prevención da violencia machista e mellorar a atención ás vítimas.

O presidente subliñou que o prazo para que os concellos presenten as súas solicitudes estará aberto ata o 27 de febreiro, e destacou que, grazas a estas liñas de axudas, a Deputación reforza o seu compromiso coa loita contra a violencia de xénero e a igualdade real entre mulleres e homes.

O CIM da Guarda, referente en igualdade

A visita ao CIM da Guarda tivo lugar nun contexto de recoñecemento ao seu labor na atención ás vítimas de violencia machista e no impulso de programas de prevención e fomento da igualdade. Este centro, que tamén atende aos concellos de Tomiño, O Rosal, Oia e Tui, foi o ano pasado beneficiario dunha subvención máxima de 6.000 euros, concedida pola Deputación para apoiar os seus programas de sensibilización e prevención.

Ademais, o CIM da Guarda foi recoñecido na primeira edición dos premios Boas Prácticas en Igualdade, impulsados pola Deputación, coas máis altas distincións. O presidente Luis López reiterou que a Deputación está decidida a seguir apoiando a estas entidades que traballan para garantir a igualdade de xénero e a erradicación da violencia machista.

Compromiso coa igualdade e a visibilización do traballo social

“Somos un goberno comprometido coa igualdade”, afirmou Luis López, facendo referencia a outras iniciativas da Deputación, como o certame educativo Ti que pensas da Igualdade, que busca sensibilizar aos máis mozos e mozas sobre a importancia de erradicar a violencia de xénero. O presidente tamén mencionou o incremento dos orzamentos destinados ás liñas de axudas para concellos e entidades sociais, co obxectivo de continuar pechando as fendas de xénero existentes na sociedade.

"Demostrámolo tamén recoñecendo e premiando o labor de organismos como este CIM da Guarda a través dos novidosos premios Boas Prácticas en Igualdade", engadiu, resaltando a importancia de recoñecer o traballo realizado por estas entidades, que son fundamentais na loita pola igualdade.

0.12185883522034