Luis López destaca a alianza entre Deputación e Xunta para impulsar o emprendemento e apoiar aos autónomos

O presidente provincial pon en valor a cooperación institucional para fortalecer o tecido empresarial e as oportunidades no rural.
Luis Lopez
19 Apr 2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a nova alianza entre a institución provincial e a Xunta de Galicia para fomentar o emprendemento, facilitar a creación de empresas e apoiar ao colectivo de persoas autónomas.

Fíxoo no acto institucional celebrado no Pazo de Liñares de Lalín con motivo do Día Mundial do Emprendemento, no que tamén participaron o conselleiro de Emprego, José González, e o alcalde de Lalín, José Crespo.

Durante a súa intervención, López puxo en valor o papel clave do colectivo autónomo no desenvolvemento económico da provincia, sinalando que “son persoas que todos os días poñen o mundo en funcionamento” e que constitúen unha garantía de estabilidade e benestar, especialmente nun contexto de incerteza.

O presidente provincial destacou a colaboración entre a Deputación e a Xunta a través da integración dos programas provinciais na rede de Polos de Emprendemento e na Rede Ultreia, impulsada pola Consellería de Emprego. Esta cooperación permitirá mellorar o asesoramento, ampliar a cobertura territorial e optimizar os recursos, evitando duplicidades.

López fixo especial fincapé no potencial do rural como espazo para emprender, desbotando a idea de que só as cidades ofrecen oportunidades. Neste sentido, destacou exemplos de éxito na comarca do Deza e lembrou que máis do 40 % das empresas da provincia están situadas en zonas rurais, onde tamén se concentra o 20 % das afiliacións á Seguridade Social correspondentes a persoas emprendedoras.

O presidente tamén repasou as iniciativas impulsadas pola Deputación para apoiar o emprendemento, como os viveiros de empresas en Barro e Lalín, o programa Depoemprende ou a colaboración con autónomos en proxectos vinculados ao comercio local e á mellora de infraestruturas.

Ademais, reafirmou o compromiso da institución de escoitar as necesidades do sector e defender medidas como a redución da burocracia e da carga fiscal, así como apoiar iniciativas que axuden a facer fronte ao incremento dos custos.

“Postos a embarcarse na aventura de emprender, facelo na provincia de Pontevedra pode ser un paso cara o éxito”, concluíu López.

0.2803430557251