Luis López resume a lexislatura con máis de 2.000 obras feitas e 600 millóns en investimentos

O presidente provincial de Pontevedra e o seu equipo de deputados dan conta diante de alcaldes, institucións e representantes dos principais fitos acadados neste mandato
alcaldes-provincia-pontevedra
14 Jul 2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de facer balance dos tres primeiros anos de goberno á fronte da Administración provincial na que a cooperación cos concellos é un dos principais sinais de identidade e á través da cal o executivo provincial promoveu máis de 2.000 obras e mobilizou máis de 600 millóns de euros. Nun formato novidoso celebrado no salón de plenos do Pazo provincial diante de rexedores de concellos, cargos institucionais e representantes do tecido civil da provincia, o presidente Luis López conversou cos deputados do goberno sobre os principais fitos conseguidos en cada unha das áreas, entre as que sobresaen o apoio a preto de 2.000 entidades veciñais por valor de 15M€, o dato histórico en turismo internacional nas Rías Baixas con máis visitantes estranxeiros que nacionais, a consolidación da provincia do deporte ou o impulso á cultura tanto nas contornas urbanas como rurais.

“En tres anos pasan moitas cousas e todas merecen ser contadas, por iso estreamos este particular formato. Somos o goberno que máis se parece á provincia: preparado, ambicioso, plural, con ideas, presente e proxecto de futuro. Somos distinto en orixes, pero unidos nas mesmas ganas de avanzar pola provincia de Pontevedra. Desde aquel xullo de 2023 tiñamos claro que un dos nosos valores está na proximidade coa xente. Este goberno cambiou para sempre o xeito de funcionar desta Deputación e posiblemente doutras. Nestes tres anos non fomos un goberno para dúas cidades ou 59 concellos pequenos, fomos o goberno de toda a provincia. En tres anos protagonizamos 7.100 actos de goberno, máis de 6 ao día, con 620 visitas a concellos. Ningún outro equipo estivo máis ao carón da xente”, enmarcou o presidente Luis López antes de iniciar a conversa cos 14 deputados do goberno provincial.

A cooperación cos concellos, a bandeira da acción do goberno provincial, encabezada pola deputada e alcaldesa de Marín, María Ramallo, foi o primeiro asunto analizado neste balance que se resume na promoción de 2.000 intervencións e máis de 600 millóns de euros mobilizados nos concellos da provincia. Neste sentido, a deputada puxo o foco na variedade de plans postos en marcha e na dotación de recursos dos mesmos nestes tres anos de mandato. Citou Ramallo os 181Me dos Plans +Provincia, os case 75M€ dos dous Plans Extra, dos máis de 30M€ ao abeiro dos tres Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas, dos 8M€ para arranxar viarios municipais danados polos temporais ou dos 22M€ para cofinanciar proxectos que recibiron fondos europeos nos concellos. Mención especial requiriu os 2.000 contratos de traballo promovidos pola Deputación nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes no total das tres convocatorias do Plan +Provincia.

Relacionadas co investimento nos concellos estiveron tamén as charlas cos vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, responsables da acción da Deputación nas cidades de Vigo e Pontevedra. Na capital da provincia, subliñou o vicepresidente que o goberno provincial ten comprometidos 37M€ neste mandato. “Nunca antes a capital recibira tantas recursos da Deputación”, declarou o tamén responsable do Museo de Pontevedra citando obras estratéxicas financiadas pola Deputación como a renovación da iluminación nos barrios, a mellora de campos de fútbol como o de Salcedo ou a humanización do barrio de Mollabao. Neste sentido, tamén reflexionou Rafa Domínguez sobre o novo rumbo que está a tomar o Museo de Pontevedra citando fitos relevantes como a exposición do cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre”, os récords de visitas da mostra de arte contemporáneo “A era das fábulas”, o regreso triunfal da Bienal de Arte ou o impulso aos edificios do Museo coa ambiciosa rehabilitación de Santa Clara ou a construción dun novo inmoble para restos arqueolóxicos. “O Museo vive unha época dourada ás portas do centenario da súa creación”, recalca Domínguez.

Pola súa banda, a vicepresidenta Sánchez remarcou a cifra sen precedentes de 56Me que a Deputación ten comprometidos en Vigo e a pegada do organismo provincial en proxectos estratéxicos en colaboración co Concello —42M€ comprometidos a través de convenios bilaterais—, como a Grada de Gol do Estadio de Balaídos ou a reforma da piscina de Teis; ou a rehabilitación do Cine Fraga en colaboración coa Xunta de Galicia. “Falamos de recursos como nunca antes na historia da Deputación para mellorar a calidade de vida das miñas veciñas e veciños”, declarou a tamén titular da área de Deportes.

O impulso ao deporte desde todas as súas perspectivas é outro dos rasgos que máis identifican ao goberno de Luis López nestes tres anos de mandato. Coa vicepresidenta Luisa Sánchez o presidente provincial fixo balance dun servizo que está a consolidar a provincia como escenario de eventos deportivos a todos os niveis; que entregou 5.000, a cifra máis alta da historia, a deportistas de alto nivel; e que revolucionou a colaboración cos clubs a través de iniciativas novidosas como o DepoVAN, para axudar á compra de vehículos, ou para fomentar a canteira co +Talento Motor ou Noso Club, ou para reformar os locais das entidades deportivas coas axudas Prodeporte. Un amplo abano de investimentos por valor de preto de 30M€. “Os fondos de axuda ao tecido deportivo subiron máis dun 62%. Nunca antes houbo tantos deportistas que recibiron o noso apoio. Somos a provincia do deporte”, resumiu López.

Rías Baixas, referencia en turismo internacional

Para falar do bo momento que atravesa a provincia de Pontevedra en Turismo, Luis López chamou ao deputado responsable deste servizo: Jesús Vázquez Almuíña. Que por primeira vez os visitantes internacionais superaran en número aos nacionais é a consecuencia do traballo que está a desenvolver a Deputación a través de Turismo Rías Baixas e que consiste principalmente nun novo xeito de promocionar a provincia poñendo o foco no interior e na sustentabilidade, na descentralización e desestacionalización e cun enfoque totalmente disruptivo. “Por primeira vez promocionamos as Rías Baixas sen amosar un só metro de praia”, exemplificou Luis López. O deputado, pola súa banda, fixo referencia á decidida participación da Deputación en feiras internacionais ou na colaboración estreita cun sector profesional, ben preparado e de calidade. “É o froito dunha estratexia turística clara para situar o noso destino como referencia internacional, con presenza, por vez primeira na historia, dun posto propio en feiras internacionais de turismo como as que se celebran en Berlín e Londres e con campañas promocionais galardoadas”, explicou Vázquez Almuíña.

A aposta acción comunitaria é un dos principais acertos do goberno de Luis López. O deputado Javier Touris reflexionou co presidente sobre o escenario do impacto destas medidas coas que a Deputación está atendendo a preto de 2.000 asociacións veciñais, asociacións de mulleres rurais ou comunidades de usuarios de augas cun investimento de 15 millóns de euros. “Pasamos dunha Deputación que tiña abandonado ao tecido asociativo, a convertelo en protagonista, con investimentos que ascenden, aos máis de 15 millóns de euros”, salientou o deputado citando a importancia duns plans que están a vertebrar os núcleos rurais da provincia, revitalizando os locais veciñais e garantindo o acceso á auga de milleiros de veciños. Ademais, as actividades do +Convivir, para celebrar a importancia de vivir en comunidade e combater a soidade e o reto demográfico, ten mobilizadas xa na provincia a máis de 20.000 persoas, salientou o presidente.

Achegar a mellor cultura a toda a provincia

A aposta polo acceso a unha cultura de calidade e á protección do patrimonio cultural da provincia é outro dos esforzos que está a levar a cabo a Deputación neste mandato. O presidente da Deputación e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, detallaron os principais fitos dun servizo que levou por primeira vez a gala dos Premios Mestre Mateo ao rural, a Lalín. “Queremos levar a mellor cultura a todos os veciños, vivan onde vivan”, remarcou López, antes de escoitar ao deputado explicar a pegada de programas como o +Escénicas, o primeiro circuíto provincial de Danza e Teatro, as axudas para que as agrupacións musicais poidan mercar ou arranxar os seus instrumentos ou vestiario, os centos de concertos organizados nos concellos ao abeiro do +Música ou as axudas á entidades culturais que, entre todas as iniciativas, supoñen máis de 7M€ e máis de 2.000 colectivos atendidos. Ademais, na área de xuventude, a Deputación aprobou o primeiro Plan Estratéxico de Xuventude e plans como o +Xuventude ou O Teu Espazo Xuvenil para fomentar o talento e facilitar a participación da mocidade na vida social. “Estamos a conseguir que esta provincia viva un momento cultural vibrante e que a xuventude, o noso futuro, estea atendida como nunca antes”, redondeou o deputado e alcalde de Cerdedo Cotobade.

A mellora da seguridade viaria dos peóns e dos vehículos nos 1.600 quilómetros que compoñen a rede de estradas provincias é outro dos grandes piares do goberno da Deputación. Luis Lópex e Belén Cachafeiro, responsable da área de Infraestruturas, desglosaron as principais accións do goberno provincial neste eido e que se resume nun investimento de máis de 80M€. “Asinamos 31 convenios con concellos da provincia para iniciativas de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil, licitamos 81 obras de mellora do trazado ou da drenaxe, reposición de firme ou mellora da mobilidade peonil, redactamos máis de 75 proxectos para seguir avanzando na optimización da nosa rede de estradas provinciais e temos en marcha acordos marco para conservar as estradas, mellorar firmes e executar cunetas na rede de 1.600 quilómetros de estradas provinciais”, enumerou a deputada e alcaldesa de Forcarei.

Estes tres anos de xestión do equipo de goberno de Luis López na Deputación deixa fitos destacados en todas ás áreas. Unha das máis relevantes é a de Emerxencias, dirixida polo deputado e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, na que se melloraron as condicións laborais dos bombeiros e os medios dos parques comarcais para poñer fin ao conflicto laboral que existía anteriormente. O goberno provincial aprobou o primeiro convenio colectivo para os bombeiros, a primeira RPT, está a ampliar o plantel de profesionais e a adquirir máis material para os parques. Ademais, o goberno provincial tamén recoñece o labor de Protección Civil, coa primeira liña de axudas para as agrupacións de voluntarios da provincia.

O deputado responsable de Príncipe Felipe, que celebra o seu cincuenta aniversario, Pablo Castillo, referiuse ao investimento sen precedentes de 5,5 millóns de euros para a mellora dos equipamentos e a eficiencia enerxética do complexo.

A atención ás confrarías de pescadores e ás cooperativas agrogandeiras centrou a intervención do deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, quen se referiu ao logro de ampliar nun 40 % o apoio a estes colectivos e nas facilidades para aliviar a súa delicada situación financeira ao permitirlles empregar as axudas para afrontar gasto corrente, que eran as súas principais necesidades. Así mesmo, o presidente convidou aos amantes dos animais a adoptar un can ao facer un breve balance do CAAN, o centro de adopción de animais da Deputación, que leva xestionadas unhas 2.000 adopcións neste tempo, pero que aínda conta con máis de 200 cans que buscan un fogar.

Da colaboración cos concellos forma parte o servizo dirixido polo deputado e alcalde de Portas, Ricardo Martínez, quen fixo fincapé na garantía de seguridade tecnolóxica que é a Deputación e no apoio que prestan aos concellos á hora da transformación tecnolóxica, a dixitalización ou a asistencia en materia de seguridade. Ademais, tamén citou a estrea da plataforma DepoPlay, para dar a coñecer a acción da Deputación a través das novas plataformas.

Impulso á igualdade e benestar

A colaboración cos colectivos queda reflectida tamén a través dos servizos de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Paula Bouzós; cun investimento de 11M€ no reforzo de servizos sociais e na asistencia en programas fundamentais como o Servizo de Axuda no Fogar, ademais en materia de igualdade a Deputación, ademais de reforzar a loita contra a violencia machista, impulsa iniciativas novidosas como o Ateneo pola Igualdade, os Premios Boas Prácticas en Igualdade e os Premios Sociais ou programas como Mulleres de Palabra.

A Cooperación Transfronteiriza, encabezada por Roberto Carrero, é outro dos puntos fortes da acción da Deputación, que promove iniciativas culturais, sociais, artísticas e de infraestruturas, como a ponte peonil entre As Neves e Monçao, a un e outro lado do Miño.

“Presenza, investimentos, resultados. Todo é medible, pero traballar canda vós é algo máis, é o noso valor extra”, pechou o presidente provincial un acto no quixo agradecer a achega e a colaboración de toda a provincia nestes tres primeiros anos de goberno.

0.28337001800537