Luis Menor recolle en Archena o Escudo de Ouro póstumo concedido a José Juan Cerdeira

A Deputación de Ourense recibiu en representación da familia esta distinción honorífica, coa que o Concello murciano recoñeceu a traxectoria de quen fora director da área de benestar da institución provincial, recentemente falecido
Luis Menor recoñecemento a Jose Juan Cerdeira
6 Nov 2026

O Concello de Archena (Murcia) concedeu, a título póstumo, a súa distinción honorífica máis importante, o Escudo de Ouro da Vila, a José Juan Cerdeira, quen fora director da Área de Benestar da Deputación de Ourense e faleceu recentemente. O galardón, reservado a persoas e entidades de especial relevancia para o municipio, foi recollido en representación súa polo presidente da institución provincial ourensá, Luis Menor, durante a celebración da XIX Asemblea da Sección de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que preside o propio Menor.

Durante o acto, celebrado en Archena este 6 de novembro, Menor cualificou o recoñecemento de “máis que merecido” e puxo en valor o peso histórico da figura de Cerdeira, a quen definiu como un apoio esencial na consolidación da provincia de Ourense como referencia no ámbito termal. O presidente provincial sinalou tamén que boa parte da traxectoria da Sección de Vilas Termais leva a súa impronta.

Menor referiuse ademais ao baleiro que deixa a súa marcha tanto na Deputación como no conxunto da provincia, especialmente nas áreas de termalismo e servizos sociais, e trasladou o compromiso do goberno provincial de dar continuidade ao traballo rigoroso que, segundo indicou, caracterizou o seu labor profesional.

Pola súa banda, a alcaldesa de Archena, Patricia Fernández, subliñou o papel que Cerdeira desempeñou como asesor do municipio murciano, especialmente en todo o relacionado cos retos do Balneario de Archena e no impulso de novas iniciativas vinculadas ao termalismo. A rexedora dedicoulle unhas palabras de agradecemento: “Grazas, José Juan, por todo o que fixeches polo termalismo e por querer tanto a Archena. Sempre te lembraremos co mesmo cariño que ti nos mostraches”.

0.24776291847229