Luisa Sánchez anuncia que a segunda edición do Galicia Fest será o 26 e 27 de xuño de 2026

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra destacou o éxito da primeira edición e avanzou que o festival volverá a Vigo cun cartel con acento local e máis de dez grupos en negociación.
Luisa Sanchez
4 Sep 2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este martes en Vigo que a segunda edición do Galicia Fest celebrarase os días 26 e 27 de xuño de 2026. O festival adiántase así no calendario, despois de que a súa estrea se realizara en setembro deste ano. “Este ano practicamente pechamos os festivais de música na provincia e o ano que vén faremos o contrario, ímolos abrir”, salientou.
Sánchez comprometeu ademais a presenza de grupos de Vigo no cartel e avanzou que xa se barallan máis dunha decena de nomes para reforzar o acento local do evento. “Afortunadamente, na nosa cidade hai moitos grupos e moi bo nivel musical. Pero antes de adiantar ningún nome, hai que falar con eles e cadrar axendas. Queda un longo percorrido”, precisou.
A representante provincial subliñou que esas bandas locais estarán no elenco de artistas ao mesmo nivel que o resto, “sen teloneiros, porque aquí todos os grupos son protagonistas. Eles e o público son os verdadeiros protagonistas”.
No seu balance da primeira edición, celebrada no Peirao de Transatlánticos, Sánchez destacou o éxito de público, con máis de 6.000 asistentes e entradas esgotadas. O 80% das persoas procedían de Vigo, mentres que máis dun milleiro de visitantes achegáronse doutras localidades, xerando un importante retorno económico.
A vicepresidenta agradeceu a implicación da cidadanía e recoñeceu que o festival foi posible grazas á colaboración institucional da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vigo. “Está claro que, se hai un bo motivo, a xente móllase. O empuxe do público e o apoio das administracións públicas garanten máis e mellor Galicia Fest”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.33556914329529