Maica Bouza: “A sanidade pública galega vai a peor, as urxencias colapsaron coma nunca pola falta de recursos en primaria”

A secretaria de Organización de CCOO en Galicia, Maica Bouza, advirte de que a situación da sanidade pública galega “é significativamente peor” que hai un ano e chama á cidadanía a participar este domingo na manifestación convocada en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública.
Bouza lembra que na mobilización celebrada en abril do ano pasado xa se alertaba do deterioro do sistema, pero asegura que “lonxe de mellorar, a situación empeorou”: “As listas de agarda incrementáronse, as urxencias colapsaron coma nunca pola falta de recursos na atención primaria, o recorte nos orzamentos impide contar co persoal necesario e hai unha maior derivación de pacientes á sanidade privada”.
Segundo explica, esta derivación responde a unha estratexia de privatización progresiva. “Para resolver a falta de medios —e de paso favorecer os intereses do sector privado— a Xunta deriva atención que podería e debería prestarse nos centros públicos, gastando ademais inxentes cantidades de cartos”, denuncia. Ao seu xuízo, trátase dunha mala xestión deliberada: “Baleiran de contido os centros públicos para xustificar a súa ineficiencia e o transvasamento de recursos públicos a mans privadas”.
O desmantelamento da sanidade pública concrétase, segundo Bouza, en múltiples carencias: ausencia de servizos de pediatría na maioría dos centros de saúde —con especial impacto nas zonas rurais—, dificultades para acceder a unha cita en atención primaria por falta de persoal e hospitais comarcais “progresivamente baleirados”.
A representante sindical subliña que os problemas na atención primaria afectan a todo o país, “desde o sur de Pontevedra ata A Mariña”, e vincúlaos directamente á falta de investimento. “Sen orzamento non hai persoal nin medios. As e os profesionais están desbordados e as prazas sen cubrir tradúcense en listas de agarda ou na saturación das urxencias cando non hai cita ata quince días despois”.
Como solución, os colectivos integrados en SOS Sanidade Pública reclaman un cambio de prioridades orzamentarias. “É necesario aumentar os recursos humanos e materiais en primaria e reducir o peso do gasto farmacéutico, ata acadar o 25 % do orzamento sanitario total, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde”, sinala Bouza. Ademais, aposta por reforzar a atención comunitaria, a prevención e a coordinación entre niveis asistenciais.
A plataforma tamén critica a orientación “hospitalocéntrica” da política sanitaria da Xunta, que non evita o colapso hospitalario. Bouza explica que as demoras en primaria teñen un impacto directo nas urxencias e mesmo nas baixas laborais. “Se se tivese en conta todo o tempo que pasa desde a primeira consulta até unha proba, unha derivación ou unha cirurxía, entenderíase mellor como estas demoras inflúen nas baixas médicas”.
Por último, Bouza advirte de que as políticas sanitarias do PP prexudican a toda a cidadanía, pero especialmente “ás persoas máis vulnerables, á infancia, ás persoas maiores e ás que viven no rural”, polo que considera imprescindible unha resposta social masiva en defensa da sanidade pública.