Máis de 16.200 galegos figuran como inscritos como doantes de médula

Entre o 1 de xaneiro e o 15 de setembro deste ano, 455 cidadáns incorporáronse ao REDMO
dia-mundial-medula-osea
22 Sep 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) sitúa en 16.234 galegos e galegas, o número de doantes inscritos no REDMO (Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea), dos cales 455 rexistráronse ao longo do presente ano. Grazas á solidariedade dos doantes de medula ósea é posible que moitos doentes podan recibir un transplante e, deste xeito, resolver graves problemas de saúde e, mesmo salvar súa vida.

Ao longo da presente xornada, este martes 22 de setembro, conmemorase o Día Mundial do Doante de Medula Ósea, co que se tenta por de manifesto a importancia deste xesto vital para moitos enfermos que non teñen no seu entorno un doador familiar compatible e que precisan someter a un transplante de proxenitores hematopoéticos, popularmente coñecido como transplante de medula ósea.

Na actualidade, existen tres tipos diferentes de transplantes de medula, tamén chamados de proxenitores hematopoéticos: o autólogo, o aloxénico emparentado e o aloxénico non emparentado.

Os transplantes autólogos son aqueles nos que se usan as células do propio paciente. Desta forma realízase a extracción deste tipo de células -que se tratan con medicación-, e que se empregan para o tratamento do propio paciente. Os transplantes aloxénicos emparentados son aqueles nos que os doadores das células son familiares dos pacientes e que son compatibles.

Por último, os transplantes aloxénicos non-emparentados son aqueles nos que non se poden usar as células propias do paciente e non hai un doador compatible dentro da familia. Esta conxuntura sucede no 25-30 % dos casos e obriga a buscar ao doador en calquera parte do mundo.

Cando se produce esta situación, iníciase unha busca no ámbito mundial a través do REDMO. Así, o sistema de busca de doadores, coordinado cos organismos nacionais (o Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea e a Organización Nacional de Transplantes), permite garantir a equidade de calquera paciente no acceso á doazón e avalar a eficiencia deste sistema nos ámbitos clínico, administrativo, organizativo ou social.

Desde o ano 2008, en que comezaron a realizarse os transplantes aloxénicos na sanidade publica galega, e ata finais do pasado ano desenvolvéronse 539 intervencións deste tipo.

Elevada participación

Durante o pasado ano 2025, inscribíronse 772 cidadáns galegos como doadores de medula ósea que, co seu carácter solidario, permitiron que o Servizo Galego de Saúde, realizará 235 transplantes de medula ósea. Deles, 156 foron autólogos ou auto transplantes, 34 foron posibles grazas a doadores emparentados e os restantes 45, aloxénicos non emparentados, é dicir, se realizaron grazas a doantes anónimos localizados en REDMO.

Á ADOS é centro de referencia para a tipaxe do doantes de medula ósea acreditado pola Fundación Josep Carreras, coa que, a comenzos de este ano renovou o seu convenio de colaboración. Así mesmo, desde a Axencia desenvólvense actividades de promoción, información e sensibilización, así como mantén unha activa colaboración con entidades de doantes coma Asotrame (Asociación de Trasplantados de Médula Ósea) ou Asampo, co obxectivo de favorecer unha positiva actitude da cidadanía a prol deste xesto solidario.

Durante o pasado ano 2025, a Axencia realizou un especial esforzo informativo no ámbito educativo, achegándose a centros de ensino universitarios e non universitarios mediante a instalación de mesas informativas para convidar aos estudantes galegos a inscribirse como doantes de medula ósea. En total realizáronse 10 mesas informativas nos campus galegos e 13 en centros de ensino secundario.

Este tipo de iniciativas tamén tivo lugar en feiras da saúde de ámbito local ou con motivo da presenza das unidades móbiles de doazón de sangue da ADOS. Neste sentido, ao longo da presente xornada, unha mesa informativa sobre a doazón de medula ósea estará hoxe ao carón da unidade móbil que visita a viguesa Rúa Príncipe.

Calquera persoa de 18 e 40 anos que non teña ningunha enfermidade grave ou transmisible pode doar medula ósea, unha doazón con carácter anónimo, altruísta, voluntario e universal, é dicir, dóase para a persoa que o necesita en calquera parte do mundo.

Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada cos distintos tipos de doazón ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles da Axencia.

0.34069490432739