Máis de 200 persoas participan na III Etapa Popular Camiño da Costa para reclamar a súa sinalización en Vigo

Máis de 200 persoas participaron este domingo na III Etapa Popular Camiño da Costa, unha iniciativa que percorreu o traxecto entre Vigo e Redondela coa finalidade de reclamar a sinalización do tramo xacobeo ao seu paso polo municipio vigués. A convocatoria converteuse na máis multitudinaria ata o momento, superando a participación rexistrada nas dúas edicións anteriores celebradas entre as parroquias viguesas de Saiáns e Teis en 2024, e entre Oia e Baiona en 2025.
A andaina estivo encabezada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román. Tamén participaron representantes municipais de Vigo e Redondela, entre eles Fernando González Abeijón e Javier Bas.
O percorrido comezou ás 09.00 horas diante do edificio administrativo da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo e concluíu arredor de catro horas despois no albergue da Casa da Torre, en Redondela.
Durante a xornada, Ana Ortiz destacou o que cualificou como un “rotundo éxito” de participación e reiterou a petición para que o Camiño da Costa sexa sinalizado no termo municipal de Vigo. A representante autonómica insistiu na necesidade de identificar correctamente o itinerario para evitar dificultades aos peregrinos durante o percorrido.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo o foco no momento de crecemento que atravesa o Camiño Portugués da Costa, cun incremento do 23 %, e destacou o impacto positivo que este desenvolvemento ten sobre a actividade turística de Vigo e da súa área de influencia.
Merelles tamén incidiu na importante presenza internacional desta ruta, sinalando que o 88 % dos peregrinos proceden doutros países, polo que considerou que a ausencia de sinalización proxecta unha imaxe negativa tanto do Camiño de Santiago como de Galicia e da propia cidade de Vigo.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, destacou igualmente a evolución desta ruta nos últimos anos, lembrando que o Camiño Portugués da Costa xa representa o 20,5 % das persoas peregrinas que chegan a Santiago, converténdose no terceiro itinerario máis transitado e aproximándose progresivamente aos rexistros do Camiño Portugués de interior.
Segundo explicou, o liderado de mercados como Estados Unidos ou Alemaña na chegada de peregrinos evidencia a crecente proxección internacional dunha ruta que se consolidou como un elemento dinamizador para os municipios polos que transcorre, especialmente para Vigo.
No que vai de ano, o Camiño Portugués da Costa xa superou os 43.000 peregrinos, unha cifra que representa un incremento do 23 % respecto a 2025. Ademais, a maior parte dos camiñantes son visitantes estranxeiros con elevado poder adquisitivo, principalmente procedentes de Estados Unidos e Alemaña, superando mesmo o número de peregrinos portugueses e españois.
Desde a súa declaración oficial en maio de 2016, máis de 300.000 persoas percorreron este itinerario xacobeo. A actividade foi organizada pola Xunta de Galicia en Vigo coa colaboración da Dirección Xeral de Turismo.