Máis de 200 persoas protestan pola participación dunha asoación israelí no congreso da EGPRN

Denuncia que a presenza destas institucións en congresos científicos europeos contribúe a normalizar a súa imaxe mentres continúa a destrución do sistema sanitario palestino
manifestacion-sionista-santiago
23 Oct 2026

Máis de 200 persoas concentráronse hoxe diante do Hotel Monumento San Francisco, sede do 103º encontro da European General Practice Research Network (EGPRN), en Santiago de Compostela, para rexeitar a participación da Asociación Israelí de Médicos de Familia (IAFP).

A mobilización, convocada por Sanidade Galega con Palestina (SGCP) e apoiada por numerosas organizacións sociais, sindicais e políticas, desenvolveuse sen incidencias e baixo un amplo dispositivo de seguridade. O congreso continuará o venres e o sábado. Durante o acto leuse un manifesto baseado na carta remitida á organización do congreso, na que SGCP expresa a súa frontal oposición á presenza de representantes da IAFP.

O texto denuncia a complicidade que a plataforma atribúe á asociación coa destrución do sistema sanitario palestino, os ataques contra o persoal sanitario e a negación do xenocidio en curso, así como o uso de publicacións científicas para construír e difundir propaganda sionista. A plataforma aclara que a súa demanda non se fundamenta na orixe dos profesionais participantes, senón na súa actividade e militancia sionista e na súa vinculación coa IAFP. Seguindo as directrices da PACBI (Campaña Palestina para o Boicote Académico e Cultural a Israel), integrada no movemento BDS e impulsada desde a sociedade palestina, reclama o boicote ás institucións israelís e aos seus representantes oficiais.

SGCP denuncia que a presenza destas institucións en congresos científicos europeos contribúe a normalizar a súa imaxe e as súas relacións internacionais mentres continúa a destrución do sistema sanitario palestino. A faixa principal da mobilización recollía o lema «FORA SIONISTAS DA GALIZA».

Reunión co comité local do congreso

Unha representación das persoas manifestantes, formada por catro médicos —dous deles palestinos afincados en Galiza—, mantivo unha conversa co comité local organizador do encontro, integrado por membros da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC).

Posteriormente, o comité local leu un comunicado no interior do congreso no que expresaba unha posición contraria ao xenocidio e á súa normalización, incluída a normalización da participación da Asociación Israelí de Médicos de Familia no encontro científico. SGCP lembra que enviou tres cartas á EGPRN solicitando que a IAFP e os seus representantes oficiais non participasen no encontro, sen recibir resposta.

A plataforma considera que a presenza institucional da asociación contribúe a proxectar unha imaxe de normalidade e aceptación internacional que ignora a destrución da infraestrutura sanitaria palestina e os ataques contra o persoal sanitario.

Entre os representantes da IAFP sinalados na carta figuran Shlomo Vinker, Yochai Schonmann, Limor Adler e Michal Shani.

SGCP cuestiona, en particular, a actividade de Vinker, expresidente da IAFP e da WONCA Europe e antigo membro da dirección da EGPRN, polas súas publicacións científicas e a súa participación na representación institucional da asociación.

A plataforma sinala, como exemplos, o artigo Impact of living in the West Bank and the Gaza Strip on chronic disease among the Jewish population (2008), que estuda a prevalencia de enfermidades crónicas entre habitantes de asentamentos xudeus en Cisxordania e Gaza ocupadas, e Glycemic control of diabetes patients under continuous rocket attacks (2016), sobre o control da diabetes en pacientes do sur de Israel expostos a ataques con foguetes procedentes de Gaza. SGCP considera que este tipo de traballos, polo enfoque co que presentan a experiencia da poboación israelí no contexto da ocupación e do conflito, contribúen a construír un relato de propaganda sionista baixo a aparencia de neutralidade científica.

A plataforma tamén puido saber hoxe que algúns médicos poñentes no congreso declinaron finalmente realizar as súas presentacións tras coñecer a presenza de membros da IAFP. A mobilización reafirmou o compromiso do tecido solidario galego coa causa palestina e coa defensa dunha práctica sanitaria baseada na ética profesional, os dereitos humanos e a protección da vida.

0.29418277740479