Máis de 400 mostras de viños, licores e augardentes tradicionais forman parte das catas de Galicia 2026

A Consellería do Medio Rural celebrará o martes 14 de xullo a gala de entrega dos premios da XXXVIII Cata dos Viños, a XXVIII Cata das Augardentes e a XV Cata dos Licores Tradicionais, que premian a excelencia das elaboracións galegas e o bo facer dos seus produtores e que terá lugar na cidade de Lugo. Con todo, antes de escoller as mellores elaboracións, desenvólvese un amplo proceso previo de precata.
A primeira fase deste certame é a precata, que se desenvolveu entre os días 1 e 9 de xullo, e reuniu a máis de cincuenta expertos do sector para determinar a cegas cales son os mellores viños, augardentes e licores tradicionais galegos do 2026. Nesta edición rexistráronse un total de 462 mostras pertencentes a 152 empresas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas de viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia.
No eido vitivinícola participaron un total de 142 adegas que achegaron 305 mostras de viño branco e 124 de tinto. En relación coas augardentes e licores tradicionais, concorreron no certame 10 empresas con 33 mostras. Cabe sinalar que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou as instalacións de cada un dos participantes para confirmar rigorosamente que a fase de recollida se desenvolveu con seriedade e lexitimidade, avalando en todo momento o anonimato das marcas participantes.

Precata dos viños: 1, 2 e 3 de xullo
Durante os días 1, 2 e 3 de xullo catáronse todas as mostras de viño presentadas ao concurso. Cada Denominación de Orixe contou co seu propio panel de cata integrado por oito expertos que avaliaron visual, olfactiva e gustativamente cada mostra de forma totalmente anónima, garantindo así a imparcialidade e o rigor do proceso. Só as mellores mostras de cada categoría pasaron á cata final, polo que esta fase resultou decisiva para determinar que produtos teñen a calidade suficiente para optar aos galardóns.
Como novidade desta edición, organizouse un sorteo na conta de Instagram @experienciasdecalidadegalicia co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre o valor dos produtos con orixe certificada. Cinco parellas gañadoras, unha por cada denominación de orixe, mergulláronse de cheo na experiencia da cata profesional e coñeceron de primeira man a riqueza e excelencia dos produtos galegos con selo de calidade. Aínda que as súas valoracións non computaban no certame, aprenderon como analizar sensorialmente produtos de alta calidade.
Precata das Aurgardentes e dos Licores Tradicionais: 6 de xullo
O día 6 de xullo chegou a quenda da cata das augardentes e dos licores tradicionais. Sete expertos especializados en destilados, entre os que se atopaban adegueiros, sumilleres e técnicos do sector, foron os encargados de analizar cada mostra co mesmo rigor que caracteriza todo o proceso. Dado que son bebidas moi diversas que varían en ingredientes, sabores, aromas e ata nos propios envases, as mostras foron recollidas en botellas idénticas co fin de garantir o anonimato e asegurar que as valoracións respondan exclusivamente á calidade do produto.

Cata final como fase decisiva
Ao longo desta fase, os expertos avaliaron a totalidade das mostras presentadas e, tras analizar as ponderacións, só as seis mostras mellor puntuadas de cada categoría pasaron á seguinte. Tras este proceso de selección, un panel de 12 catadores de recoñecido prestixio foi o encargado de determinar cales son as mellores elaboracións galegas deste 2026. Destas seis mostras, só tres participantes de cada categoría serán premiados cos acios de ouro, prata e bronce. Os resultados permanecerán en segredo ata a gala de entrega de premios.
Un concurso ao servizo da excelencia vitivinícola galega
As Catas de Galicia nacen coa vontade de recoñecer e dar visibilidade ao traballo dos adegueiros e augardenteiros que elaboran os seus produtos cumprindo rigorosamente os requisitos das DO e das IXP.

Este certame pretende demostrar, dentro e fóra das nosas fronteiras, que as variedades autóctonas de uva, o territorio e o compromiso dos seus profesionais son os piares que sitúan os viños, as augardentes e os licores tradicionais galegos entre os produtos de maior prestixio do sector vitivinícola e reflexo desa Galicia Calidade pola que somos recoñecidos