Máis de 450 persoas beneficiadas polo plan de titorización agraria da Xunta

As deputadas do Grupo Popular Cristina Sanz e Nicole Grueira visitaron este domingo a XLI edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), no concello de Cospeito, onde puxeron en valor o Programa de Titorización para a incorporación á actividade agraria da Xunta de Galicia. Segundo indicaron, esta iniciativa xa beneficiou a máis de 450 persoas no ano 2024.
Nicole Grueira salientou que o relevo xeracional é clave para garantir a continuidade das actividades agrícolas, gandeiras e forestais, “esenciais tanto para a economía como para a sustentabilidade do territorio”. Por iso, indicou que o Goberno galego considera prioritario fomentar a incorporación de persoas mozas ao sector primario.
Este programa, posto en marcha pola Xunta o pasado ano, ofrece un acompañamento real e personalizado a través dunha rede de técnicos das oficinas rurais. Estes profesionais actúan como titores, orientando aos novos agricultores durante os seus primeiros anos de actividade para garantir o éxito dos proxectos.
Cristina Sanz destacou que a iniciativa está a ter un impacto moi positivo ao facilitar o relevo xeracional no campo galego, freando a desaparición das explotacións familiares e impulsando a formación e profesionalización dos novos produtores. “Este programa garante que as novas explotacións sexan viables e competitivas”, engadiu.
En definitiva, as parlamentarias populares cualificaron esta medida como un instrumento clave para asegurar o futuro do rural galego, contribuíndo á recuperación de terras abandonadas e ao asentamento de poboación moza no medio rural.